O BNG de Redondela considera de auténticas mutilacións, as podas realizadas polo goberno municipal.
O tipo de intervención está acelerando o avellentamento das árbores en espazos públicos.
Nas últimas semanas o concello de Redondela procedeu á poda dun importante número de árbores en espazos públicos. As máis significativas desenvolvéronse no casco urbano, máis tamén afectou a varias parroquias.
Segundo o concelleiro Xoán Carlos González, máis que unha poda para mellorar as condicións das árbores, trátase de verdadeiras amputacións. Refírese en concreto aos Chopos da Alameda de Redondela, que xa na campaña do 2013 sufriron unha poda moi agresiva. Trátase de árbores que superan o medio cento de anos, e nos que as intervencións deben ser coidadosas. Afirma que se fixeron cortes indiscriminados en polas principais que non representan perigo algún e con cortes que superan en algúns casos os 40 cm de diámetro. O feito este ano pon en risco a supervivencia destes exemplares.
Tamén sinala Xoán Carlos González, que, noutras árbores, realizouse unha poda moi agresiva, como no caso do situado ao carón da vella escola de Saxamonde, e doutros nas inmediacións da Igrexa de Cedeira. Os cortes non son os axeitados, ademais de diversos puntos nos que se observan desgarres, o que pode facilitar a aparición de enfermidades.
Recorda que hai preto de dous anos, o goberno de Javier Bas procedeu á tala dos Plátanos no aparcadoiro da Ribeira, co que amosaron moi pouca sensibilidade cara ao arborado público.
Privatización encuberta.
Para o concelleiro nacionalista confírmase o proceso privatizador da poda de árbores en Redondela. O mantemento das árbores en Redondela non debe prantexarse como un negocio. Continuamente o Concello paga a diferentes empresas, por un servizo realizado por traballadores e traballadoras municipais ata o ano 2011.
Para o concelleiro nacionalista a actuación de empresas no mantemento do arborado en espazos públicos debe limitarse a intervencións puntuais. Afirma que se trata dunha privatización encuberta, da poda de árbores en Redondela. Non queda demostrado que as empresas sexan máis efectivas e rendíbeis economicamente.
Xoán Carlos González defende que se debe poñer en valor o papel dos empregados e empregadas municipais de parques e xardíns e non retirarlle responsabilidades.