Moción de apoio á petición de indulto para os traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodríguez.
O Xulgado do Penal nº1 de Vigo ditou unha sentenza en que se condenaba inxustamente os sindicalistas Serafín Rodríguez e Carlos Rivas, a penas de tres anos prisión pola súa participación nunha folga do transporte no marco da negociación do convenio colectivo de Pontevedra. Esta sentenza foi ratificada dous anos despois pola Audiencia Provincial de Pontevedra.
Ante esta situación que as centrais sindicais CIG, UGT e CC.OO. consideran inxustificada xa que ao seu xuízo se lles aplicou o artigo 315.3 do Código Penal, atentando contra os dereitos dos traballadores/as, cando o que debera prevalecer é o dereito de folga, estas organizacións solicitaron do Consello de Ministros a concesión do indulto que foi denegado o pasado mes de decembro.
Esta petición de indulto ía avalada pola sinatura de miles de cidadáns e cidadás que consideran esta condena de carácter ideolóxico, coa que se pretende criminalizar e reprimir as protestas da clase traballadora e que os movementos sociais e sindicais non lles fagan fronte ás políticas regresivas en dereitos. Esta decisión do Consello de Ministros contrasta coa laxitude coa que lles concede indultos a persoas condenadas por delitos de corrupción como banqueiros ou cargos políticos.
Deste xeito, tal e como denuncian desde as tres centrais maioritarias, os dous traballadores afectados atópanse á espera, tras da suspensión de execución da pena imposta mentres se tramita unha nova petición de indulto, da decisión ministerial que evite a súa entrada en prisión.
Ante esta situación , o Grupo Municipal do BNG considera que o Pleno do Concello de Redondela , como representante da cidadanía do noso concello debe pronunciarse inequivocamente a favor de que o Consello de Ministros tome en consideración a petición que acaban de reiterar os sindicatos maioritarios e miles de galegos e galegas.
Polo exposto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1.- O Concello de Redondela declárase a favor de que o Consello de Ministros conceda o indulto para Carlos Rivas Martínez e Serafín Rodríguez Martínez.
2.- Dar traslado do presente acordo ao Goberno Galego e ao Goberno do Estado español.
REDONDELA 20 DE MARZO DE 2014
ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE