Moción do BNG de Redondela contra a reforma electoral do Partido Popular.

Moción do BNG de Redondela contra a reforma electoral do Partido Popular.

Despois de 30 anos de se manteren no Estado español certos elementos básicos do sistema electoral, entre os que cómpre salientar a restrición da proporcionalidade que beneficia, sobre todo, aos partidos máis votados e con maior implantación, o Partido Popular decidiu desenvolver unha ofensiva  en diferentes frontes contra a democracia, as liberdades públicas e o dereito de participación e de expresión da cidadanía. De aí que pretenda, por unha parte, unha reforma da lei baseada na redución do número de deputados e deputadas para integraren o Parlamento galego e unha reforma da lexislación electoral para facilitar a investidura automática como alcalde ou alcaldesa da persoa que ocupe o primeiro posto da lista máis votada, aínda que non se corresponda coa expresión da vontade da maioría dos cidadáns e das cidadás que emitiron o seu voto. De feito, o que o PP leva expresado publicamente arredor da súa proposta non é que se escolla o/a alcalde/esa directamente, senón que uns votos posúan máis valor que outros.

Os obxectivos do PP son os de se asegurar con maior facilidade acadar a maioría absoluta e reducir a pluralidade política que a cidadanía expresa a través das urnas. Estamos, pois, ante unha subversión dos alicerces da representación democrática que vai na liña contraria do que defende o BNG. Esta medida, para alén de constituír un intento do Partido Popular de concentrar nas súas mans o maior número de alcaldías, supón, na práctica, unha reforma que incide na concentración de poder nas mans de alcaldes e alcaldesas, privando ao pleno, aos órganos colexiados e, por tanto, á cidadanía de capacidade de control da actuación municipal. De feito, todos os informes especializados e os organismos internacionais sinalan que un dos principais elementos para combater a corrupción é a maior participación política e a pluralidade fronte á concentración do poder. Velaí as verdadeiras medidas anticorrupción que o PP non quere aplicar.

Estamos, pois, ante unha tentativa de lexitimación de concesión dun poder absoluto a órganos unipersoais, que reforzan o presidencialismo e restan pluralidade. Téntase que os gobernos locais non reflictan a pluralidade política e social existente, senón que unha parte poida gobernar ao seu antollo, a través dun/unha alcalde/esa que goberne aínda que o seu apoio popular nas urnas sexa minoritario.

O Bloque Nacionalista Galego considera esta proposta profundamente antidemocrática e contraria ao interese do conxunto da sociedade, que continuamente está expresando a súa demanda de exercer unha maior participación, control e transparencia das institucións. Mais tamén xulga que os contidos que o PP está a manifestar publicamente que configurarían a proposta de reforma electoral son contrarios á configuración institucional e de representación política consagrada no actual ordenamento xurídico.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Redondela a adopción do seguinte

ACORDO:

O concello de Redondela  insta ao Goberno Galego a:

1.- Manifestar a súa rotunda oposición á proposta de reforma da lexislación electoral formulada polo Goberno do Estado que ten como finalidade que ostente a alcaldía a lista que resulte máis votada, reforzando deste xeito a concentración do poder municipal en órganos unipersoais e vulnerando a expresión do pluralismo político da cidadanía e a súa capacidade de participación e control da xestión pública municipal.

2.- Dirixirse ao Goberno do Estado español coa finalidade de instar unha modificación do sistema electoral que favoreza unha mellor expresión nos órganos de representación da pluralidade política da cidadanía e unha maior participación no impulso e decisión das políticas públicas, introducindo medidas tales como:

a) Definición, agás no caso de eleccións municipais, como circunscrición electoral o territorio galego, isto é, incluír como circunscricións electorais únicas as actuais comunidades autónomas.

b) Eliminación da regra de Hont como fórmula de asignación da representación nos órganos e substituíndoa por outra que garanta un resultado máis proporcional á vontade expresada pola cidadanía.

c) Eliminación do limiar mínimo para acceder á repartición de representación.

d) Regulación da capacidade de convocatoria de referendos a todas as administracións en asuntos do seu interese, e fixando un catalogo de asuntos que deben ser obxecto de consulta obrigatoria antes de adoptar unha decisión(especialmente aqueles vinculados coa xestión dos servizos públicos), así como un procedemento para que un determinado número de persoas poida esixir a convocatoria de referendos con carácter vinculante para os poderes públicos.

REDONDELA 5 DE SETEMBRO DE 2014

ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE

Moción do BNG de Redondela contra a reforma electoral do Partido Popular.