Caos circulatorio en Redondela.

Problemas de circulación no centro de Redondela e Vilavella.
Caos circulatorio en Redondela.

A improvisación, a falla de información e o caos caracterizaron a xornada matinal do tráfico en Redondela. Centos de vehículos víronse afectados durante máis de catro horas.

 

O descontrol no tráfico rodado apoderouse do centro da Vila na mañá do martes. O pintado de numerosos pasos de peóns a primeiras horas da mañá, coa correspondente inutilización de parte dos mesmos, supuxo un continuo embotellamento. “Daba máis a impresión de que se pretendía un golpe de efecto do goberno municipal, que de realmente recuperar os pasos de peóns”.

Ata o mediodía tivo que ser a paciencia, e a actitude colaborativa dos propios condutores e condutoras quen autorregulara o tráfico de coches, autobuses e furgonetas. O goberno municipal agochouse no Concello, e non quixo saber nada desta situación. Situación puntual, mais problemática.

Dende o BNG, consideramos inconcibíbel que, tratándose dunha actuación do goberno de Javier Bas, non existira ningún tipo de información para condutores. Pensamos que orientar sobre rutas alternativas, ou informar de retencións no centro urbano, podería ter sido suficiente para evitar parte da “situación caótica que se viviu durante catro horas”.

Non nos parece estraño ao BNG este xeito de proceder do responsábel de tráfico, Arturo González, xa que “ a cada paso que dá, constátase a súa incompetencia”. Nunca amosou ningún interese porque o problema da mobilidade en Redondela pasara pola redución do uso do vehículo particular, polo que tomar iniciativas como as propostas pola nosa forza “caen en saco rachado”.

 

 

Problemas de circulación no centro de Redondela e Vilavella.

Caos circulatorio en Redondela.