As obras do AVE, seguen castigando aos veciñ@s de Negros e Cedeira.

As obras do AVE, seguen castigando aos veciñ@s de Negros e Cedeira.

A intensidade do tráfico pesado, similar ao de maior actividade na construción dos túneles.

Nas últimas semanas, veciños da estrada N-555 das parroquias de Negros e Cedeira, volven a aturar un importante movemento de camións. O motivo: o traslado do material empregado nos movementos de terra do Val do Maceiras, que serviron de soporte á infraestrutura para a construción dos túneles ata Vigo.

A valoración que o BNG fai desta situación, non pode ser máis negativa. Despois de que numerosas actuacións de presión, sobre o seguimento das obras e o movemento de tráfico pesado levaran a que algunhas medidas paliaran en parte a problemática, na actualidade agrávase esta situación.

Arredor duns vinte camións de alta tonelaxe están a facer numerosas viaxes diariamente con terra e pedras desta explanada. A situación complícase, pois así como no pasado, os camións eran baldeados antes de saír, hoxe en día non se lavan, o que supón que deixen un regueiro de po e terra no seu tránsito. Dende o BNG cremos que tampouco se toman medidas preventivas para evitar as partículas en suspensión, que nos días de vento invaden parte do Val.

Os baldeados que a empresa encargada dos desterros está a realizar, incomodan igualmente aos veciños e veciñas da estrada. Neste sentido salientan dende o BNG que empezaron soltando auga pola estrada, pero todo acaba nas propiedades particulares, ocupando as cunetas e obturando desaugues. “A situación é tal, que ata a zoa do Canabal pódense notar os efectos deste intenso movemento de tráfico pesado, cargado de terra”.

Os veciños e veciñas teñen protestado a nivel particular no Concello. A solución, como sempre, momentánea. Acadouse que os camións empregaran sistematicamente os toldos, aínda que nas últimas semanas existe “certa relaxación”. Igualmente, operarios da empresa fixeron limpezas das entradas das casas, mais ao non recollerse este material que o balde ou o transporte deixa na cuneta, a situación volve a ser a mesma”.

Na última xuntanza, o representante do BNG no Consello Parroquial de Negros, puxo sobre a mesa esta problemática. Como era de esperar, a resposta dende o presidente do Consello, Julio Alonso navegou entre a falla de información e a boa vontade para solventar a problemática.

Despois de máis dun mes dende que se iniciaran estas obras, e ante a falla de medidas contundentes o Grupo Municipal do BNG presentou un escrito dirixido ao alcalde Javier Bas. Pedíase que informara sobre as medidas tomadas para solventar a problemática, e a valoración destas semanas das obras.

O malestar, e as incomodidades que as obras do AVE están a causar na zona, non van ser compensadas nin pola empresa, nin por Fomento. Por suposto, o goberno de Javier Bas, xa hai tempo que renunciou a desenvolver un Proxecto de recuperación e futuro económico para o Val do Maceiras.

10371896_656682427734136_4707414981257030143_n

As obras do AVE, seguen castigando aos veciñ@s de Negros e Cedeira.