MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA PARA A SUPRESIÓN DO COPAGO FARMACÉUTICO ÁS PERSOAS PENSIONISTAS

MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA PARA A SUPRESIÓN DO COPAGO FARMACÉUTICO ÁS PERSOAS PENSIONISTAS

O pasado 1 de xullo entrou en vigor o novo copago farmacéutico imposto polo Goberno do Estado que incorpora ao copago a máis de 725.000 pensionistas e aumenta a aportación de centos de miles de persoas activas.

O copago farmacéutico é un sistema inxusto e insolvente. Quedan fóra de financiamento medicamentos fundamentais que non teñen alternativa en Galiza, nin nas farmacias nin nas distribuidoras. Persoas con tratamentos crónicos deixaron de retirar a súa medicación pola imposición deste copago.

As persoas obrigadas ao copago farmacéutico poideron xa comprobar desde un primeiro momento como a realidade do recorte as afectaba gravemente. De feito pensionistas con persoas que dependen da súa cartilla, teñen que soportar un duplo ou triplo tope de 8 ou 18 euros. Ademais existen reclamacións sobre as novas porcentaxes aplicadas a persoas activas que merecen a desatención do SERGAS e obrigando ás persoas doentes a que reclamen na Seguridade Social.

Para xustificar todo isto falan do destino destes cartos para a construción de novos centros sanitarios, pero a realidade a falta de persoal sanitario para atender dignamente os centros que existen. Están a vender a ilusión de novos centros de saúde no futuro coas pensións das persoas xubiladas e viúvas enfermas.

Esta medida non se implantou por igual en todo o territorio do Estado xa que algunhas comunidades autónomas elaboraron normativas propias grazas ás competencias que teñen atribuídas, compensando esta medida tan lesiva e evitando que as persoas pensionistas vexan reducidas as súas pensións polo feito de ter enfermidades, obrigadas a contribuír á rebaixa do déficit do Estado ou para colaborar no pago do rescate á banca privada española.

O Goberno galego ten as mesmas competencias e a mesma capacidade para evitarlle ás persoas enfermas e pensionistas que residen en Galiza este recorte dos seus ingresos, pero o goberno do PP na Xunta toma a decisión de non facelo, para non ser un problema para Madrid, xa que prefire ser un problema para as persoas pensionistas de Galiza.

Queremos outra xestión sanitaria, que non se centre en recadar das persoas enfermas senón en atendelas dignamente, nunha sanidade que sexa un elemento de redistribución de riqueza e que sexa financiada suficientemente dende os impostos. O Goberno galego está a tempo de rexeitar estas medidas retrógradas e insolventes impostas polo PP dende o Goberno do Estado.

E por isto que o grupo municipal do BNG no Concello de Redondela presenta esta moción e solicita o voto favorábel do Pleno da Corporación municipal para a adopción do seguinte 

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a  desenvolver unha normativa propia, en virtude das competencias sanitarias que lle atribúen as leis galegas e o Estatuto de Galiza, que reduza o impacto da medida imposta polo Goberno do Estado nas economías familiares galegas e suprima o copago farmacéutico para as persoas pensionistas.

MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA PARA A SUPRESIÓN DO COPAGO FARMACÉUTICO ÁS PERSOAS PENSIONISTAS