Obras na estrada EP 2906 ao seu paso por Vilar: imponse a lóxica (a medias )
Tal e como esixira o BNG, amplíase a obra a todas as vivendas da estrada.
Tras coñecer o Proxecto de Ampliación da Estrada Provincial, EP 2906, ao seu paso pola parroquia de Vilar, o Bloque Nacionalista Galego, demandou unha serie de modificacións no sentido de mellorar a seguridade viaria. Ante as importantes carencias que esta actuación da Deputación, con aportación de 200.000 do concello, ía supoñer para os veciños e veciñas que viven ao pé da estrada, puxémonos en contacto coa AA.VV. para informar das iniciativas nacionalistas.
O Proxecto deixaba fóra da actuación uns 200m. do núcleo urbano de Vilar. Varias vivendas íanse ver directamente afectadas, feito que, para o BNG, era totalmente ilóxico. Pediuse ao goberno municipal que fixera valer o seu peso nesta obra, co fin de que as melloras na seguridade viaria chegaran a todo o mundo.
O segundo dos aspectos, que con acordo da AA.VV. se prantexaba, tiña a ver coa construción de máis pasos de peóns elevados, os coñecidos lombos. Inicialmente , unicamente dous. A demanda era a construción de polo menos sete, e que un deles se fixera nos arredores do parque infantil.
Nas últimas semanas, o BNG púxose en contacto con veciñ@s da estrada e membros da AA.VV. Parece que, inicialmente a lóxica tense imposto, mais, existe unha segunda parte de interpretación por parte da Deputación e Concello do que se vai facer. Namentres que a obra se ampliaba ata o punto km. 1+000 arredor de 200m., reducíanse outros tantos no extremo oposto. O argumento barallado dende representantes municipais: a autovía suporá que se poida construír nunha segunda fase a totalidade da obra. Polo tanto, os veciños e veciñas que viven entre os puntos 2+500 e 2+700, sufrirán dobremente as infraestucturas, ou máis ben, a falla delas .
En canto á construción dos sete lombos, segundo palabras de representantes veciñais, o compromiso mantense.
En todo caso, tivo que ser o seguimento que o BNG e a AA.VV. fixeron do Proxecto de mellora da seguridade viaria da EP 2906 ao seu paso por Vilar, a que contemplara estas actuacións. As demandas de melloras que benefician ao conxunto de veciños e veciñas, saíron de quen non ten responsabilidades de goberno.
O goberno de Javier Bas, o único que lle moveu foi acadar o acordo plenario para conseguir os 200.000, e como non, saír na foto anunciando a actuación. Por certo, unha actuación que hai nove meses que publicitou. Nesta obra, como noutras que se están a acometer, os prazos dilátanse todo o posíbel.