Orzamentos 2013. Parte II
O Partido Popular renuncia á elaboración do PXOM.
A transcendencia do debate dos orzamentos para o ano 2013, reside en que por vez primeira, concrétase a verdadeira estratexia do goberno de Javier Bas. Xa non existen as ataduras dos orzamentos prorrogados do 2010, nin as situacións de emerxencia do 2012. Agora pódese constatar realmente a estratexia a seguir.
Tendo en conta isto, cómpre recordar, que é na acción de goberno diaria onde se efectivizan as diversas partidas orzamentadas. Os orzamentos, constitúen un importante documento de carácter económico. A xestión do goberno exprésase no día a día.
Quedou patente nas diferentes intervencións, que a concelleira de facenda somentes se limitaba a recoller as propostas do resto de membros do goberno municipal. Non existe grande coordinación, ou directrices que marquen unha liña clara a seguir.
Nas diferentes intervencións que a voceira do BNG, Cecilia Pérez fixo no Pleno do 4 de xuño, referiuse á dotación para a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Neste apartado somentes se recollen 26.000. Constátase a renuncia do equipo de Javier Bas á elaboración deste importante instrumento de ordenación urbanística.
Sorprende que habendo un concelleiro de urbanismo, que practicamente debería adicarse e poñer os alicerces desta cuestión, non se faga absolutamente nada. Descoñécese ata agora o pulo que puido dar Arturo González nesta cuestión de primeira necesidade para Redondela.
Mais si que cumpre en parte o PP, co xa manifestado na precampaña do 2011, que non ían a dar feito o PXOM, nun mandato.
Fixo referencia igualmente a voceira nacionalista á dotación para Orzamentos Participativos (162.000). Tendo en conta que se trata dunha demanda que o BNG, recollía no seu Programa de Goberno, considerou que se debe facer un traballo de base para implicar a todo o movemento asociativo. Nun tema tan importante para o conxunto das parroquias, descoñécense os criterios que se van a seguir para a súa dotación, ademais da coordinación co concello.
Existen algunhas outras partidas que chaman a atención en canto á súa plasmación no papel dos orzamentos. Moito traballo para a galería, mais non en sectores básicos como as políticas sociais ou de servizos básicos para o concello.
En abastecemento e distribución de auga, xa eliminada no primeiro ano, e así se mantén, as axudas ás comunidades de augas. O subministro de augas en moitas parroquias depende única e exclusivamente destas asociacións, e o apoio do concello debe expresarse en asesoramento e dotación orzamentaria. Senón trátase dunha clara discriminación a respecto de quen ten auga municipal.
Pero igualmente, en canto á extensión do saneamento, somentes se orzamentan 290.000, que sumados aos 60.000 gastados no exercicio anterior, dan un saldo raquítico coa xestión do goberno de Javier Bas.
Existen outra serie de partidas económicas, que simplemente se limitan a manter unha política de inversións moi plásticas, pero que non abordan de vez as problemáticas derivadas pola crise económica.
Neste sentido o Grupo Municipal do BNG mantivo en todo momento unha liña de actuación coherente coa súa estratexia de traballo e o seu xeito de entender a política.