Orzamentos do Concello de Redondela 2013. Parte I
A proposta do equipo de goberno, respostada cun frontal rexeitamento do BNG.
O Grupo Municipal do BNG, ante a celebración do Pleno máis importante do ano, púxose a traballar unha vez se lle facilitou un primeiro borrador aló polo mes de abril. As conclusións ao estudio das contas, expúxoas a súa voceira no Pleno do 4 de xuño.
Trala lectura dun longo documento, por parte da concelleira Ana Alonso, nas que narraba as vantaxes destes orzamentos para Redondela, tocoulle unha primeira intervención a Cecilia Pérez. A voceira do BNG, apuntou que con esta proposta de orzamentos, vénse abaixo unha das vellas retaílas da dereita: nun panorama de goberno bipartito, os orzamentos son presentados con atraso polos enfrontamentos de ámbalas partes. Seis meses, nin máis nin menos, tardou un goberno monocolor e en contra do manifestado polo alcalde Javier Bas ao inicio do mandato.
Aplicar a raxatabla as políticas deseñadas polo PP en Madrid, así definiu de xeito xenérico a valoración dos orzamentos. Trátase de formular con números, unha expresión difundida pola dereita, e enfatizada pola propia concelleira de Facenda: déficit cero, equilibrio orzamentario. Con dito deseño non se lle dá resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, que ven como cada vez hai máis demanda en necesidades básicas.
Enganoso o informe de alcaldía no que se especifica unha aposta importante polos servizos sociais e o ensino, cando unha lectura dos mesmos indican todo o contrario.
Outra das cuestións que puxo enriba da mesa a voceira do BNG, centrouse nos orzamentos participativos.Cando dende a organización nacionalista se aposta por unha formulación e posta en marcha dun recurso tan importante, cómpre o traballo de base co movemento asociativo parroquial para acadar un compromiso e unha posta en marcha con garantías. Dende o goberno de Javier Bas somentes se limitan a plasmar unha cantidade no papel.
Nas dúas intervencións Cecilia Pérez deixou ben clara a postura do BNG sobre o centro de día de Trasmañó. Trátase dunha cuestión irrenunciábel da nosa organización política. Se o goberno municipal non reflexa este investimento, fundamentalmente é para non meter á Xunta de Galiza en ningún apreto.
Tamén tivo tempo para facer mención a unha partida de 2.000 euros creada: premios á excelencia educativa, amosando a aposta do goberno de Javier Bas por poñer en marcha as políticas educativas da Lei Wert.
O voto en contra do BNG a esta proposta de orzamentos non é máis que a expresión do confrontamento das políticas deseñadas en todos os eidos polo PP, que non están máis que traendo miseria, perda de dereitos e un futuro ben escuro para veciños e veciñas.