O BNG de Redondela tacha de DESLEAL ao concelleiro de Cultura.
No canto de dar explicacións a traveso dos medios de participación, faino cos medios de comunicación.
Con sorpresa e indignación recibiu o grupo municipal do BNG, a resposta a traveso dos medios de comunicación do novo concelleiro de Cultura de Redondela. Ante as diversas informacións que estaban a manexarse tanto por parte dos traballadores e traballadoras municipais, sector cultural e veciños e veciñas, a organización nacionalista presentou un escrito no que se solicitaban diferentes aclaracións. Mais esta información e explicacións, deben tratarse nos foros de participación, como na Comisión de Cultura, onde os grupos políticos poden coñecer de primeira man toda a información necesaria.
Trátase dunha mostra do desprezo que cara aos partidos da oposición amosa o goberno de Javier Bas, e rexeitan que sexan os medios de comunicación o instrumento elixido para transmitirlle á oposición os plans do seu equipo. Fontes nacionalistas consideran que se trata dun feito ben grave, e tachan ao concelleiro de cultura de desleal a unha solicitude de información feita dende unha organización política.
Politizar a cuestión.
Dende o BNG queren salientar igualmente, que en contra da imaxe que quere dar o goberno de Javier Bas, de que se trata dunha cuestión allea á política, isto non é así.
En primeiro lugar, porque tal e como recoñece nas súas declaracións o concelleiro de cultura, a obriga de ter que contratar empresas para servizos municipais, non é máis que o froito dunha lei elaborada polo Partido Popular.
En segundo lugar, porque a empresa contratada, pode incidir directamente sobre a función e o labor dos traballadores e traballadoras municipais, quen ata o de agora descoñecen cal vai ser a súa relación coa empresa.
En terceiro lugar, porque esta empresa de carácter cultural, pode estar incidindo dun xeito ou doutro, nun orzamento que pode superar os 450.000, segundo a previsión orzamentaria.
Finalmente dende o BNG, consideran que os pasos que estiveron a dar nesta cuestión, amosan un desinterese total, pola promoción cultural de calidade no noso concello.