Orzamentos 2013. Parte III
Continuando coa valoración feita pola voceira do BNG, Cecilia Pérez, sobre os orzamentos do concello para o presente ano, cómpre deternos naquelas partidas que se refiren ás políticas de carácter social.
- No eido do Ensino márcase perfectamente o perfil dunha forza política como o PP, claramente de dereitas. En ningún momento vai favorecer que o ensino público e as partidas adscritas medren de xeito substancioso. É mais, para o BNG o equipo de Javier Bas, continua coa senda do xa feito en anos anteriores, sen aportar máis novidades que a vergoñenta partida de 2.000 de excelencia educativa, co que xa se adianta á posta en marcha da LOMCE.
As axudas á autoxestión dos centros educativos, mantense conxelada en 88.000, para repartir entre once centros escolares de ensino infantil de primaria. Os centros vanse avellentando, as necesidades aumentan, máis a dotación económica continúa sendo a mesma, seguindo esa senda de dar pequenos pasos, para que o resultado final sexa enormemente negativo.
Reduciuse a partida para actividades das ANPAs, quen en moitos casos están exercendo de entidades que xestionan necesidades perentorias para o alumnado e familias. Algunhas, como no caso de Cedeira, asumen importantes responsabilidades: compra de material escolar, xestión dos comedores, actividades estraescolares que todos os anos moven a centos de alumnos e alumnas,... Estas partidas redúcense de 22.000 a 12.000, e cuns criterios de subvencións moi complexos, e mesmo disuasorios.
O goberno municipal traballa para desfacerse dos comedores escolares. Pretenden facer crer ás familias, que o comedor no caso de seren xestionado pola Xunta directamente, sairía moito máis barato, cando os dados indican que para a maioría subirían os custes anuais. A partida mantense en 10.000.
En canto ás partidas que se refiren a Servizos Sociais, entrarían no grupo das que se manteñen, pero con cambios de relevancia. Como se encargou de recordar machaconamente a concelleira de facenda, Ana Alonso trátase de partidas para os máis necesidades, co que deixa ben as claras, que no canto de estar a falar dunha área na que se lle trata de dar resposta a dereitos adquiridos por cidadáns, estamos a falar de condescendencia. Toda unha declaración de intencións.
Enlazando con ensino, a dinámica das Ludotecas, como un servizo de apoio ás familias durante os períodos non lectivos, ademais de ser un dos máis descentralizados de todos os ofertados pola a administración municipal, foi minguando paseniñamente. De 24.000 orzamentados no 2012, somentes gastaron 11.000, para finalmente quedar en 20.000, co que o futuro das Ludotecas vai quedar moi no aire.
Hai partidas como as de actividades para a 3ª Idade, que chegaron a ter un orzamento de 50.000, dos que só gastaron 14.000, quedando para o 2013 en 40.000.
As partidas de emerxencia social, medran a costa de que desaparezan outras, como emerxencia para muller.
Significativa, a redución e o escaso gasto que se fai para reinserción de drogodependentes; somentes 2.000. Nos famosos orzamentos prorrogados do 2010, había unha partida de 30.000 neste eido. No 2013 van quedar en 8.000.
Tamén se reducen enormemente a colaboración coa Asociación de Solidariedade co Pobo Saharauí, ata os 4.000 cando tivo no 2010, 13.000.
Finalmente destacar como as partidas de convenios medran, pois a Asociación Andaina recibe 2.000 batallados euros, máis Cáritas pasa de 3.000 a 5.000, cando Lenda queda conxelado en 10.000.