MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA SOBRE A REFORMA DA LEI DO ABORTO

MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA SOBRE A REFORMA DA LEI DO ABORTO

A entrada en vigor da Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo supuxo un paso importante á hora de reducir as barreiras que limitaban o acceso das mulleres ao aborto, aínda que presenta aspectos moi mellorábeis como son non regular adecuadamente a obxección de conciencia, a privatización da prestación, a estigmatización de quen practica interrupcións voluntarias do embarazo, a minusvaloración  das mulleres ao impor un período de reflexión obrigatorio unha vez comunicada a intención de interromper o embarazo ou a obrigatoriedade de recibir información acerca das axudas ás nais.  Así, a posta en marcha deste novo marco regulador presenta carencias evidentes que dificultan o acceso ás interrupcións voluntarias do embarazo. O máis grave son as limitacións de acceso á sanidade pública que na práctica supoñen que a inmensa maioría das mulleres non teñen posibilidade de recibir esta prestación na súa área sanitaria na rede pública. A consecuencia directa disto é o feito de se veren obrigadas a desprazárense a clínicas privadas e, en certos casos, de teren que acudir a Madrid ou a outros lugares para poderen levar adiante a súa decisión de non continuar co embarazo.

Esta situación é claramente corrixíbel de existir vontade política. É certo que a regulación non reflicte a obriga de prestación directa deste servizo, e que abre as portas a que fique fóra do ámbito público. Mais é evidente que na práctica se está a producir unha privatización desta prestación, un feito que nos preocupa e que os poderes públicos deben corrixir. Só existindo unha oferta desde o ámbito público se pode garantir o acceso igualitario a esta prestación en todo o territorio galego.

O goberno do PP pretende co borrador de lei actual un retroceso de década que vulnera dereitos consolidados das mulleres no referido á súa saúde sexual e reprodutiva. Baixo premisas falsas e mentiras sobre o que se estabelece na actual lei, a nova normativa impulsada polo Ministro de Xustiza pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios.

Como xa alertan organizacións de mulleres e sindicatos, o único que vai supor é regresar a prácticas de risco como os abortos clandestinos, porque deixa nunha situación de desamparo moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos, ás que non lles queda máis opción que recorrer á clandestinidade ou asumir maternidades non desexadas. Isto, como ben se comprobou en tempos pasados, supón un grave risco para a saúde das mulleres.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal  de Redondela a adopción do seguinte

ACORDO

Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado (e ao Ministro de Xustiza) a manter e aplicar a Lei orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo.

  1. Instar á Xunta de Galiza a pór en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.
  2. Instar á Xunta de Galiza a garantir que a información que reciben as mulleres con carácter previo ao consentimento da interrupción voluntaria do embarazo sexa obxectiva. Para este fin, eliminaranse as referencias á Red Madre na información que facilite a Xunta de Galiza.
  3. Instar á Xunta de Galiza a pór en marcha unha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
  4. O Concello porá en marcha, a través da área de Igualdade, unha campaña institucional de información e divulgación sobre a Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, en que se informe ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei.

MOCIÓN DO BNG DE REDONDELA SOBRE A REFORMA DA LEI DO ABORTO