Persoeiro do Ano: o BNG, non participa dun proceso deturpado.
PP, PSOE, AER, acordan un nomeamento que carece de apoio social, segundo o representante da organización nacionalista.
Na semana pasada, celebrouse a xuntanza para o nomeamento de Persoeir@ do Ano. Na citada xuntanza, convocada polo concelleiro de cultura, Xavier Alonso, participaron, xunto ao representante do BNG, un do Partido Popular, outro do Partido Socialista, e outro da Agrupación de Electores.
Anxo Lusquiños, por parte da organización nacionalista, cuestionou que se pretendera nomear ao Persoeir@ do Ano, practicamente no mes de setembro, o que deixa ben claro, o sentido desta proposta, segundo explicou.
Como outros anos, defendemos que a elección desta figura, debe basearse en dúas cuestións: a participación social e a discreción. Ningunha destas dúas premisas se cumpriron, afirma.
Considera o nacionalista que a participación, non se pode limitar a enviar cartas aos colectivos, e esperar resposta. A elección de Persoeir@ do Ano, debe gozar dun amplo consenso social, na que o goberno municipal debe asumir un relevante papel de divulgador da vida e obra dun único candidato ou candidata.
Queremos aclarar dende o BNG, que non se entra a valorar a relevancia das propostas presentadas, tres dos catro nomes que se manexan cumpren para nós, sobradamente os requisitos necesarios para seren declarados Persoeir@ do ano en Redondela. Do que se trata, é dun proceso de elección, que xa dende o seu nacemento, caracterízase pola súa discrecionalidade.
Para o BNG, os últimos nomeamentos convertéronse nun compadreo das dúas forzas maioritarias, PP e PSOE, da que tamén participa AER. Deste xeito, altérnanse cada ano, propostas emanadas dende colectivos vinculados a estas dúas forzas políticas, polo que o proceso queda totalmente deturpado.
Emprazamos ao goberno municipal a reconducir a situación, para que o nomeamento do Persoeir@ do Ano en Redondela, se converta nun aglutinador social. Aí, van contar con todo o noso apoio e colaboración. Agardamos que PP, PSOE e AER, estean atentos ás verdadeiras demandas do conxunto da veciñanza neste tema.