O Pleno apoia a moción do BNG de Redondela para que a Xunta poña máis medios contra os lumes.

O Pleno apoia a moción do BNG de Redondela para que a Xunta poña máis medios contra os lumes.

O PP foi a única forza en contra da iniciativa, afirmando que o operativo do goberno galego está sendo efectivo.

 

Preténdese unha posta en valor do monte galego, como recurso de riqueza.

Na exposición de motivos da moción recordábase que durante décadas o Partido Popular traballou para a desertización do rural, propiciando o abandono dos nosos montes, chegando á situación actual.

O Partido Popular puxo o monte ao servizo das pasteiras e das madeireiras, fomentando a xeralización de plantacións de especies pirófitas, como o eucalipto e o piñeiro. Deste xeito  desenvolveuse unha política de produción rápida, cortoplacista, que converteu os nosos montes nun potencial polvorín.

O que se pretende coa moción presentada polo BNG en todo o País, é unha nova política forestal que poña en valor as potencialidades do monte galego, creando riqueza e futuro para as xeracións vindeiras.

 

Defensa do equipo de goberno á política da Xunta.

Sen ningún tipo de argumento de peso, o concelleiro de Interior, Arturo González fixo defensa da política forestal e contraincendios do goberno de Feijoó. No seu argumentario  referiuse a que o BNG ofrecía unha visión “catastrofista” da situación, pretendendo dar unha visión afastada da realidade.

 

Durante o debate tamén saíu a contratación de brigada contraincendios en Redondela. A pesares de que o único que cuestionou esta fórmula de “prevención e extinción”, na Comisión Informativa, foi o representante do BNG, os outros grupos da oposición tamén pediron explicacións no Pleno.

 

Un millón de euros para o exército.

A voceira nacionalista respostoulle ao voceiro do PP, que a moción por ela asinada, manifestaba unha situación real e agravada nos últimos anos. Promoción do abandono do monte, transmitir unha sensación de derrotismo no conxunto da sociedade galega na posta en valor do monte, poñer o monte ao servizo de intereses especulativos, fomentar e promocionar unicamente actuacións centradas na extinción máis que na prevención. Mesmo fixo referencia a que, un dos grandes heroes desta situación de lumes continuados, o exército español, vai cobrar máis de “un millón de euros” por esta participación desinteresada.

A moción pedía un cambio nas políticas forestais, para facilitar un futuro para o monte  galego, ademais de poñer enriba da mesa recursos para paliar os danos ocasionados polos lumes. Como era de esperar, somentes contou co apoio da Agrupación de Electores, o Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego.

 

O Pleno apoia a moción do BNG de Redondela para que a Xunta poña máis medios contra os lumes.