En qué gasta os cartos o goberno de Redondela?
Seguen a causar sorpresa entre o BNG, algunhas das resolucións aprobadas polo goberno municipal pois obedecen, por unha parte, ao deterioro dos servizos municipais, e por outro, a unha promoción cultural, máis que cuestionábel. Por exemplo:
- Podas, desbroces e limpezas feitas por varias empresas, por un montante que supera os 2.000. Este tipo de intervencións repítense mensualmente, cando perfectamente poderían ser realizadas por empregad@s municipais.
- Recollida de algas pola empresa Urbaser no mes de xullo (unha partida similar en xuño): 8.800. A empresa levou ao concello ao xulgado, pois daquela a concellaría de Medio Ambente, consideraba que o Prego de Condicións tamén obrigábaa á recollida destes restos. Finalmente a empresa gañou o contencioso en contra dos intereses do Concello, e incluso esta situación foi aplaudida polo actual concelleiro de Medio Ambente, Miguel Á. Ballesteros.
- Actuación de Cristian en Chapela: 2.668.
- Promoción de Trial en Redondela. Gastáronse uns 3.000 en varias xornadas desta actividade. Sempre contará co respaldo do BNG o fomento de deportes alternativos e que permitan o uso da bicicleta pero co que non concordamos é coa fórmula. Unha empresa que se dirixe ao concelleiro de turno e véndelle un produto sen ningún tipo de repercusión futura. Trátase dunha mostra de falla de proxecto do goberno de Javier Bas, que leva a que certas iniciativas non teñan máis percorrido e a inversión final non se rendabilice socialmente.
- Autorización para o Festival da Lúa Meiga. Loxicamente, establécense unha serie de condicións e obrigas que deben cumprir a organización mais non se ve por ningunha parte ningún tipo de autorización para a Festa do Partido Popular no parque forestal de Cedeira no mesmo fin de semana.