Cecilia Pérez:“O PP invéntase o problema do terrorismo para agochar a súa corrupción..."

Cecilia Pérez:“O PP invéntase o problema do terrorismo para agochar a súa corrupción..."

O Partido Popular de Redondela levou ao Pleno de agosto, unha moción que presuntamente buscaba unha condea ao grupo terrorista Resistencia Galega.

Sorprendeu a persoa da dereita que defendeu a moción: neste caso a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade; toda unha declaración de intencións. No seu argumentario baseouse nun ficticio problema do terrorismo no País dende o ano 2006.

Ao longo do debate, saíu a falla de condea da represión franquista polo Partido Popular. A concelleira Teresa París nalgún momento da intervención puxo ao mesmo nivel a bandeira republicana e a franquista.

 

Estratexia do Partido Popular

A voceira do Bloque Nacionalista Galego, Cecilia Pérez condenou calquera tipo de acción violenta para acadar fins políticos. Mais salientou que o obxectivo da moción do PP baseábase en “demonizar a aquelas organizacións e colectivos que se mobilizan en contra das medidas levadas a cabo por esta forza política”.

A estratexia do PP consiste en buscar unha escusa para desviar a atención. O nacionalismo, en todos os seus compoñentes, centra o punto de mira desta dereita españolizante. Tentan deslexitimar por todos os medios a aquelas forzas que, como o BNG, traballan polos dereitos de autodeterminación da Galiza.

Un claro exemplo desta estratexia de demonizar ao nacionalismo, protagonizouna o delegado do goberno, Samuel Juárez, hai ben poucos meses. Nunha actitude que recorda máis aos antigos gobernadores civís da ditadura,  nas horas posteriores ao desastre de Angrois,  afirmaba que unha das posibilidades que se barallaban era a dun atentado terrorista.

A voceira nacionalista fixo referencia a que tamén se trata de violencia cando a xente nova vese obrigada a emigrar para buscar un futuro mellor; que violencia é o maltrato ás mulleres; que violencia eran as inteminábeis horas de espera nos servizos de urxencia hospitalaria; que violencia era a estafa das preferentes.

O BNG votou en contra da moción, pois tal e como expresou Cecilia Pérez “o PP inventa o medo ao terrorismo como coartada para tapar os grandes problemas da Galiza”.

Cecilia Pérez:“O PP invéntase o problema do terrorismo para agochar a súa corrupción..."