A política, útil para a transformación social
A actual situación política redondelá, confirma a tese sempre defendida polo BNG
Organizarse e traballar no seo da sociedade. Actuar con criterio político, dende bases democráticas e construtivas. Marcar obxectivos claros e públicos, que no caso do nacionalismo, constitúe a consecución de maior soberanía para Galiza.
O españolismo de PP, PSOE, e IU, vistan como o vistan, segue a considerarnos como meros aspirantes a vivir nunha nación. Sempre mantiveron unha actitude belixerante co nacionalismo. O PP, por estar nas antípodas, o PSOE por pretender domesticarnos, IU por tentar primeiro menosprezarnos, e agora fagocitarnos.
Tamén dende Redondela, traballouse neste camiño de transformación social. Houbo quen buscou na desmobilización cidadá, a única via para atacar ao BNG pretendendo erixirse en popes do movemento social, para finalmente impoñer as súas teses.
Frente a esta liña desmobilizadora a asemblea local do BNG, seguiu a defender a acción política como médio para transformar Redondela. Déronse pasos moi importantes, a pesares do silenciamento mediático, e a desacreditación que intentaron algúns. Mais con confianza e convicción estes pasos dados pasaron a formar parte do día a día dos veciños e veciñas de Redondela.
Outubro de 2013. Moitos daqueles e daquelas, que baseaban a súa acción na desmobilización social, traballan arreo polas diferentes opcións políticas nas que militan. Hai quen aposta por manterse no anonimato e a covardía política, mais trátase dun resto marxinal.
Confírmase, unha vez máis o que sempre se defendeu dende unha organización nacionalista e de esquerda: a política debe servir para transformar á sociedade galega. O pobo galego aspira a acadar maiores cotas de liberdade, de autogoberno e de benestar. Aí sempre vai estar o BNG na defensa dos nosos lexítimos dereitos nacionais.