Verteduras nos ríos! O tempo segue a darlle a razón ao BNG
As afirmacións do concelleiro de medioambiente, confirman os feitos.
De xeito completamente irresponsábel e demodelor empregaba o Partido Popular, daquela na oposición, as verteduras nos ríos do noso concello para atacar ao BNG. Nin as explicacións razoadas, nin os dados obxectivos servían á dereita para que cesara nos seus intentos de deterioro constante.
Esta política de oposición destrutiva do PP, tiña o seu máximo expoñente, no que foi durante algún tempo voceiro da organización: Alberto Pazos. O actual concelleiro de medioambiente, Miguel A. Ballesteros, tamén compartía este xeito de actuar. Tamén de xeito interesado, un importante sector político sumouse á estratexia do PP. Parte dos movementos que naquel momento puxeron o acento nesta problemática, tamén empregaron todas as súas forzas en responsabilizar á concellaría de medioambiente desta situación.
No pleno de setembro, ante unha moción da Agrupación de Electores, o concelleiro de medioambiente confirmaba as argumentacións do BNG. Augas de Galiza ten practicamente asumidas todas as competencias que teñan que ver coa calidade das augas dos nosos ríos, as verteduras e a rexeneración dos mesmos. Este ente, recibiu numerosos informes procedentes do concello de Redondela, nos que se referían ás verteduras das obras do AVE, entre outras.
Ningunha das explicacións, que agora si se dan por boas, foron aceitadas por estes grupos cando o BNG levaba a concellería de medioambiente. Converteuse a preservación dos ríos de Redondela, nunha arma de desgaste político contra o BNG, máis que un obxectivo común.
Hoxe en día, dende o goberno municipal, continúanse a facer verteduras tanto de empresas como de particulares e obras. De feito, tanto o concello como Augas de Galiza actúan de xeito hostil nas canles dos ríos redondeláns.
Paseniñamente o tempo vaille dando a razón ao Bloque Nacionalista Galego; que a recuperación medioambiental, debe ser un obxectivo prioritario para todas as forzas políticas e non unha arma de alarma social.