A PONTE DE RANDE NON SE AMPLÍA !

A PONTE DE RANDE NON SE AMPLÍA !

O BNG chama ao conxunto de veciños e veciñas a saír á rúa para parar o Proxecto.

Sen medias tintas, nin titubeos. Con esta sentenza, a voceira do BNG, Cecilia Pérez, manifestou a necesidade de parar a ampliación. Mantendo en tensión aos veciños e  veciñas de Chapela, apoiando dende todos os colectivos, asociacións e a cidadanía en xeral do concello de Redondela, a ampliación pode deterse.

No Pleno Extraordinario contra a “Ampliación da AP-9” ao seu paso polas parroquias de Trasmañó e Chapela, os representantes do Bloque Nacionalista Galego, volveron a expresar o seu frontal rexeitamento a esta obra. O que Cecilia Pérez cualificou de auténtica “aberración”,nunca contou co aval da organización nacionalista. Ante un auditorio cheo de veciños e veciñas, constatouse unha vez máis que o BNG non vai quedar calado. “A mobilización na rúa vai ser a fundamental”.

A posibilidade da ampliación pode supoñer unha fenda definitiva no desenvolvemento urbanístico, ademais de que acarreará un importante deterioro dende o punto de vista social ou medioambiental da parroquia máis poboada do concello.

 

Responsabilidade política

En todo o proceso levado polas forzas políticas con responsabilidade no goberno central, tanto PSOE como PP, apostaron sempre pola ampliación. Obedeceu este actitude, a intereses alleos aos veciños e veciñas de Redondela.

Por unha banda, sempre se primou á concesionaria, AUDASA, para que mellorara as condicións, ou a ampliación do período de explotación. Nunca, nin PP nin PSOE, amosaron unha radical oposición a esta estratexia dos seus respectivos partidos.

No debate plenario, o voceiro do Partido Popular, Miguel Ángel Ballesteros, botou man do vitimismo. Prantexou a necesidade de que se deixara fóra a “política”, xa que isto era unha cuestión que debía unir a todos as forzas políticas e sociais.

Como non podía ser doutro xeito, a única persoa que interveu no Pleno, e volveu reiterar que a política serve para modificar a vida dos veciños e veciñas, foi a voceira do BNG, Cecilia Pérez. Enfrontou a idea, dun rexeitamento frontal en Redondela, “pero en Compostela ou en Madrid, non nos fan caso”.

Ao longo de todo o debate, destacouse a importancia do Consello Parroquial de Chapela.  A proposta do mesmo,  levou á elaboración dun Manifesto conxunto, como o acordo de convocar o Pleno e Manifestación do 2 de marzo.

Dende o BNG quere destacarse a unidade de acción, e a mobilización social como a única vía que nos queda. Non imos permitir que se leve a cabo unha ampliación que non vai dar solución ao tráfico rodado á cidade de Vigo. Este Proxecto vai en contra dos intereses de Chapela, e de toda Redondela. Para o Bloque Nacionalista Galego, “A Ponte non se Amplía”.

 

Non Ampliación da Ponte de Rande

A PONTE DE RANDE NON SE AMPLÍA !