Presentación dun novo número de A Voz de Lenda

Presentación dun novo número de A Voz de Lenda

A Asociación de Enfermos Mentais, Lenda, volveu convocar aos veciños e veciñas de Redondela na presentación do nº 27 da súa revista. Nesta ocasión tratábase dun monográfico que tiña o ensino como fío condutor. Ademais de diversos traballos nos que os seus autores e autoras reflexionan sobre as vivencias persoais ou a súa análise da situación actual da educación no País, tamén houbo tempo para a entrega de premios de escolares dos centros de ensino do concello.

Na segunda parte do acto desenvolveuse unha mesa redonda na que tiveron presenza os catro grupos políticos con representación no Concello. A traballadora da Radio Municipal Ana Prieto foi a encargada de moderar. A aprobación da LOMCE, tamén coñecida como Lei Wert, centrou o debate.

Cecilia Pérez, ensinante e voceira municipal, foi a encargada de defender as propostas do BNG. Na súa primeira intervención resumiu perfectamente o modelo educativo polo que aposta a organización nacionalista para a Galiza.

“Público, en galego, laico e de calidade”, constitúen os piares nos que se asenta, un instrumento como o ensino, que debe tender á compensar as desigualdades económicas e sociais. “Dende un primeiro momento, o BNG opúxose a un texto, que lonxe de mellorar o ensino na Galiza, e no resto do Estado, vai a agudizar  as diferenzas”.

Avogou, Cecilia Pérez, por unha reflexións do conxunto de axentes sociais sobre o modelo educativo que queremos para as xeracións futuras. Consenso que esta Lei “imposta polo PP” está lonxe de acadar.

Noutra parte da súa intervención expuxo que a Lei Wert, é tremendamente ideolóxica posto que trata de impor o modelo neoliberal que o Partido Popular representa. “O ensino constitúe un dos principais medios que unha sociedade democrática e madura pode empregar para que todos os e as cidadáns poidan desenvolver as súas capacidades. Permite a superación de descompensacións económicas, sociais, mesmo culturais”. Para isto aposta que o público debe primar sobre o privado.

Finalmente Cecilia Pérez insistiu na necesidade de botar ao PP de todas as institucións para pórlle freo á barbarie na que está sumido. Unha barbarie que leva a aprobación de Leis sen ningún tipo de consenso, que “nos levan a dar pasos atrás, e estrepitosamente ao fracaso”.

Antes de rematar a súa participación neste acto, a voceira nacionalista, animou a membros e colaboradores de Lenda a continuar co seu traballo educativo e normalizador. Recordou finalmente que para calquera cuestión que consideraran de interese, as portas do BNG sempre estarán abertas.

P1030146

Presentación dun novo número de A Voz de Lenda