Recollida do lixo: O goberno municipal debe facerse valer en defensa dos intereses da veciñanza
A raíz da solicitude de explicacións do grupo municipal do BNG á concellería de Medio Ambiente do concello de Redondela, sobre a deficiente recollida de lixo en determinados puntos do Concello durante a Semana Santa, despois da nota informativa publicada en resposta, cómpre algunhas aclaracións:
Remitiuse escrito ao grupo municipal do BNG, sen tantas explicacións como as dadas na nota informativa. Con moi pouco espírito de diálogo, evitouse facer referencia á solicitude posterior que o Concello fixo a URBASER, para reforzar a recollida do lixo.
Faise referencia “erroneamente” á sinatura da Contratación do Servizo de Recollida do Lixo, polo “goberno bipartito”. Naquel momento tratábase dun tripartito conformado por PSOE-BNG-EU.
Infórmase con máis profusión de detalles a explicacións da Concellaría de Medio Ambiente, mesmo con anterioridade na páxina de AER, que na do propio Concello. Nova evidencia de que se está a empregar de xeito partidista datos municipais.
Elúdense responsabilidades, alegando a sinatura dun mal convenio. Suponse que a contratación de empresas especificamente para elaborar os pregos de condicións dos servizos privatizados, elimine estas eivas.
Con todo, o convenio de recollida do lixo, recolle que na denominada ZONA B, tradicionalmente a máis afectada, prestarase o servizos dúas veces á semana. En caso de que coincida festivo, cambiarase o día, “sempre mantendo dous días na semana na recollida”.
Entre as melloras propostas por URBASER para gañar o concurso público comprometeuse a prestar un día máis nesta ZONA B; polo tanto, tres por semana. Na nota da concellaría recoñece que dende o mércores ata luns, non se recolleron parte destes contedores.
Arguméntase igualmente que por mor de que a planta de tratamento de O Porriño, mantívose pechada, non se recolleu. No propio texto asinado, a empresa comprométese a recoller e trasladar a este mesmo punto o lixo. Non pode ser que non se cumpra o contrato, empregando esta argumentación, sen buscar unha alternativa.
Tal como quedou patente no debate da moción hai varios meses presentada polo sindicato CUT, sobre readmisión de despedidos pola empresa, o papel do concelleiro deixou ao Concello nunha situación de febleza, que URBASER pode aproveitar nunha posible negociación.
Que aos poucos días da demanda de explicacións polo BNG se anuncie que a Concellaría de Medio Ambiente, solicitou a URBASER o reforzo de recollida do lixo nos días festivos, recoñece “que a denuncia do BNG, tiña base”.
Seguiremos traballando polo interese de veciños e veciñas, que esixen o mesmo dereito a que se lle preste o servizo tanto no rural como nas zoas urbanas.
Animamos a toda a veciñanza afectada, que se poida sentir afectada a presentar escrito de reclamación no rexistro de entrada do Concello onde se recollan ditas incidencias. Trátase dun xeito de que o concello vexa a realidade, presionando para que defenda os intereses da veciñanza.