Recoñecemento a Ernestina Otero en Pontevedra.
No marco da celebración dun Simposio sobre a recuperación da memoria das mulleres na súa historia, o xoves 29 tivo lugar o recoñecemento da cidade de Pontevedra, á figura da ensinante e pedagoga redondelá Ernestina Otero (1890-1956).
Coa presenza dun nutrido grupo de membros da familia de Ernestina Otero, de veciños e veciñas de Redondela, de diferentes colectivos, e representantes da Corporación, celebrouse este acto na sé da antiga Escola Normal (actualmente instituto Valle Inclán), da cidade pontevedresa.
Unha destacada relevancia do recoñecemento, asumiuno a súa familia, da man dun dos seus netos, Manuel Puga. Na súa intervención esbozou parte da súa figura, como muller que rachou moldes nunha sociedade patriarcal, facéndose un oco entre as máis destacadas do seu tempo. Durante a II República, desenvolveu un papel preponderante na posta en marcha dun ambicioso plan de renovación educativa, facendo referencia expresa ao apoio de Ernestina Otero ao Estatuto de Autonomía do 36. Tamén se detivo nos anos escuros nos que a represión por parte do aparello ditatorial, exerceu sobre Ernestina Otero medidas exemplarizantes. Referiuse, Puga, a que non era tempo de abrir feridas, mais si de actuar con xustiza, recoñecendo aos que no seu momento simplemente defenderon a liberdade.
Ao longo de todo o acto destacáronse os valores universais que esta educadora e pedagoga defendeu e fomentou durante a primeira metade do século XX: a presenza da muller en todos os eidos da vida social, a adquisición de maiores cotas de participación política, a coeducación, a alfabetización de Galiza, o dereito a decidir dos pobos.
Hoxe Pontevedra comeza a saldar unha débeda co pasado, na figura de Ernestina Otero. Con esta introdución, o alcalde Miguel A. Fernández Lores, quixo poñer o énfase na necesidade de recuperar a memoria de figuras senlleiras, pero tamén de todas as persoas anónimas que permitiron co seu esforzo e traballo desinteresado, o fomento de valores universais como a xustiza social e a igualdade.
O Bloque Nacionalista Galego, como Grupo presente na Corporación de Redondela, non podía deixar de asistir a este evento. Asumimos o recollido na súa intervención pola concelleira de Muller pontevedresa moitos dos principios e dos dereitos polos que batallou Ernestina Otero, están por desgraza en serio perigo de extinción.
Coa súa presenza no acto, quixo o BNG recoñecer na figura de Ernestina Otero o importante labor desenvolvido por outras moitas mulleres redondeláns represaliadadas durante a longa noite de pedra franquista. Aínda queda moito por facer.
Non é casualidade que teña que ser a cidade de Pontevedra quen asuma o recoñecemento dunha figura tan destacábel nas conquistas sociais das mulleres a principios do século XX. Contrasta co desinterese amosado polo goberno municipal redondelá. A comisión de estudo de candidaturas para persoeira do ano, co apoio de PP/PSOE/AER, desbotou a proposta de que no 2014, a súa vila natal recoñecera a figura de Ernestina Otero Sestelo.
Nun ambiente de recoñecemento e de respecto pola figura de Ernestina Otero Sestelo, rematou o acto coa interpretación do Himno Galego.