O Regulamento da piscina de Chapela: nova oportunidade perdida para a participación veciñal.
Xoán Carlos González, concelleiro nacionalista, amosou a súa desconformidade porque o goberno de Javier Bas non tivo en conta ao Consello Parroquial na elaboración do Regulamento da Piscina de Chapela.
Foi durante o debate do Regulamento do Servizo das Instalacións do Centro de Actividades Acuáticas de Chapela, na sesión plenaria ordinaria do mes de maio, cando o concelleiro do BNG fixo a proposta. Perdeuse unha moi boa oportunidade de que o texto se actualizara e enriquecera por parte dos colectivos da parroquia, máxime cando nesa mesma semana do Pleno, celebrouse o Consello Parroquial de Chapela.
Na súa intervención, prantexou o noso concelleiro, as mesmas dúbidas que na Comisión de Interior.
Os horarios de apertura durante o período vacacional escolar, posto que aínda que a actividade escolar é moi importante, hai outros moitos veciños e veciñas que queren facer uso das instalacións ao longo de todo o ano, destacou Xoán Carlos González.
Igualmente puxo o seu interese en que non se enfatizara tanto no concepto de piscina, posto que somentes se trata dunha parte deste complexo, no que os ximnasios e salas fitness tamén teñen moita relevanza.
Mais un dos aspectos que maiores dúbidas lle prantexou ao Grupo Municipal do BNG, foi a identificación dos usuarios e usuarias do Centro Deportivo. Cuestionamos o apartado no que se recolle que calquera persoa que se atope no recinto pode ser identificada por persoal da empresa concesionaria, requiríndolle o seu DI. Unha cousa é pedirlle o pase ou carné de aboado, e outro pedirlle o DI. Para nós, unicamente a policía local estaría autorizada para pedir dito documento.
Finalmente o concelleiro nacionalista acusou ao goberno de Javier Bas de actuar con escurantismo, e forzando aos demais grupos a tomar partido con precipitación. Parte da documentación aínda non estaba lista o día da Comisión. Xa se trata de norma da casa. Mais para nós o máis sangrante é que a concesionaria presentou un primeiro Regulamento en xuño de 2013, cando tiña de prazo un ano para presentalo. O goberno municipal tívoo agochado durante nove meses, para que agora se aprobe ás presas e sen que os colectivos da parroquia poidan facer nada, sentenciou o concelleiro nacionalista antes de anunciar o seu voto en contra deste Regulamento.