O BNG solicita que se informe da modificación do porxecto do centro comercial de Canabal-Vilavella.
O Grupo Municipal do BNG de Redondela pide que a Concellería de Urbanismo informe das modificacións do proxecto presentadas pola empresa Unión Comercial de Redondela para o Centro Comercial Canabal-Vilavella. Este é un tema de vital importancia que, ao noso xuízo, afectará negativamente a este sector no noso concello, e pondo en perigo moitos postos de traballo no pequeno comercio de proximidade, sector que sempre defende o BNG.
Dado que son os grupos políticos os que finalmente decidirán nun pleno, é imprescindible que non só os empresarios, senón tamén que as formacións políticas que integran a corporación estean perfectamente informados das modificacións propostas pola empresa.
Outra vez a dobre moral do PP ponse en evidencia. Fártanse de dicir que sempre buscan o maior consenso e finalmente practican a desinformación e o ocultismo cos grupos da oposición en proxectos de tanta transcendencia coma este.
En consecuencia o BNG ven de solicitar hoxe por un lado a convocatoria urxente da comisión de urbanismo para que se dea información da modificación do proxecto para o Centro Comercial Canabal- Vilavella e por outro unha xuntanza coa directiva da Asociación de Empresarios para tratar este tema.