Olaia Fernández mantén un encontro con afectados da AP-9

Olaia Fernández mantén un encontro con afectados da AP-9

Nos pasados días, e tal como fixera con colectivos de afectad@s do Morrazo,  a deputada do BNG Olaia Fernández Davila, mantivo unha xuntanza con membros da Plataforma en contra da Ampliación da AP-9 en Chapela. Acompañada por varios membros do Consello Local, os representantes deste coleitivo transmitiron á deputada a súa preocupación polos pasos que está a dar o Ministerio en canto á concreción da obra.

Un dos aspectos que maior interese deparou foi o das expropiacións, posto que un número importante de vivendas vanse ver negativamente afectadas. Existe unha grande preocupación polos termos nos que o Ministerio, dirixido por Ana Pastor, vai levar as expropiacións, posto que todo apunta a que van ser maiores que as inicialmente propostas.

Como membro da Comisión de Infraestruturas do Congreso, Olaia Fernández ten presentado toda unha xeira de iniciativas sobre os plans do Ministerio, concreción de prazos, etc. Nos últimos meses, un dos aspectos nos que se centrou o seu traballo, foi a exixencia de estudios sobre a situación dos piares da Ponte de Rande.

O BNG segue defendendo que “a solución aos problemas de mobilidade da cidade de Vigo afástanse do que tanto o PP, abandeirado por Ana Pastor, e o PSOE, con Abel Caballero á fronte, defenden. Non se trata de ampliar infraestruturas sen ningún tipo de racionalidade. Cómpre fomentar o transporte público de viaxeir@s ademais de, no seu caso, apostar por vías de comunicación que si poidan dar solución a un problema tan grave como o movemento de vehículos, cousa que a Ampliación de Rande non vai favorecer”.

Pola súa banda o grupo municipal do BNG xa hai varias semanas que solicitou os documentos definitivos tanto das expropiacións como do proxecto da ampliación, comprometéndose a entregárllelo aos afectados en canto este documento estea no seu poder, para estudalos con detemento, mais a día de hoxe o concello aínda non dispón desa información.

501fab4262378-olaia_davila_06_08_2012_01web

Olaia Fernández mantén un encontro con afectados da AP-9