En resposta ao BNG, Fomento mantén as medianeiras na Ponte de Rande
Nas preguntas presentadas por Olaia Fernández, cuestionábase o conxunto da ampliación, e, en caso de seguir adiante, o feito de que os carrís exteriores non teñen contacto cos actualmente existentes, co evidente perigo para a seguridade viaria na ponte; tamén se expoñía a necesidade de estudar outras alternativas de mobilidade.
Nunha escueta resposta, o ministerio de Fomento confirmaba o que para o BNG constitúe unha auténtica temeridade e neglixencia en canto á seguridade viaria na ponte de Rande: a construción de medianeiras, independentemente de que contemple tres puntos de emerxencias que comuniquen os carrís
Respostábase así a unha batería de preguntas presentadas, outravolta, pola parlamentaria nacionalista, Olaia Fernández Davila. Recorda o responsábel local, Xavier Balsas, que se centraban sobre a necesidade do Proxecto de ampliación da Ponte, e a ampliación en Chapela, ante a importante contestación social, e a inutilidade da obra.
Séguense dando pasos en firme na definitiva defenestración da parroquia máis poboada do concello de Redondela. Un novo exemplo, de que que se está a gobernar, por parte do Partido Popular, de costas á xente, segundo palabras do responsábel local, Xavier Balsas.
Para o BNG cumpría saber cales ían ser as medidas de seguridade viaria na propia ampliación. Definitivamente os carrís laterais van estar separados por medianeiras contemplándose unicamente tres espazos para solventar posíbeis incidentes, o que segundo Xavier Balsas, vai levar a auténticas situacións de colapso do tráfico na Ponte. Vanse producir situacións verdadeiramente perigosas posto que os novos carrís poden quedar inutilizábeis en caso de accidente ou avaría.
Nas respostas que se deron dende o ministerio de Fomento quedou patente que o único obxecto é a ampliación da autoestrada, sen ningún tipo de criterio. Existen aínda moitísimos problemas por resolver, ante a inminencia do inicio da obra.
O responsábel local da organización nacionalista considera que canta máis información se manexa sobre o Proxecto de Ampliación, máis se confirma a inutilidade da obra. A solución aos accesos a Vigo pasa por outras alternativas, como o fomento do transporte público como o tren, para o que Chapela goza dunha situación de privilexio.
Para nós tamén constitúe un problema de autogoberno. Se a Xunta fose propietaria da Autoestrada, a ampliación non se faria, salienta Xavier Balsas.