Javier Bas en contra dunha tarifa eléctrica galega.

Javier Bas en contra dunha tarifa eléctrica galega.

O voto de calidade de Javier Bas, rexeita unha mellora para veciños e empresas.

A voceira municipal, Cecilia Pérez, encargouse no Pleno de decembro de defender unha moción, na que se prantexaba un único acordo: “ Unha Tarifa Eléctrica Galega, que beneficiara a Galiza como produtora de enerxía”.

Segundo expresou a defensora da moción, “por decisións dos diferentes gobernos estatais, o noso País especializouse na produción e exportación de enerxía eléctrica. A pesares do importante custe social e medioambiental, non tiramos proveito desta situación de vantaxe”.

Así pois, para Cecilia Pérez, Galiza sae dobremente castigada, “namentres, o goberno de Feijoó, cala. A demanda dunha tarifa máis baixa, favorecería o consumo doméstico, ademais de posibilitar crecemento industrial de Galiza”, afirmou na súa intervención.

Para o BNG, constituíu toda unha declaración de principios que a defensora por parte do goberno municipal fose a concelleira de servizos sociais. “Xustamente quen debería coñecer as dificultades de moitas familias redondelás que non poden asumir o recibo da luz, ponse do lado das grandes empresas e das súas tarifas”.

Segundo a voceira nacionalista, a política tarifaria eléctrica do Estado, volve cebarse nas economías máis precarias, afondando nas desigualdades e na marxinalidade, ao considerar a enerxía eléctrica como un ben de consumo ordinario

A moción do BNG, foi rexeitada por atoparse en empate numérico os membros do goberno municipal e dos grupos da oposición. “Foi o voto de calidade do alcalde, Javier Bas, o que rexeitou que Redondela demandara melloras nas tarifas para os veciños e veciñas, e para as empresas situadas no noso concello”.

Para a organización nacionalista, confírmase o que sempre soubemos “que o PP, sempre é o PP, aquí en Redondela, en Compostela ou en Madrid. Están ao servizo dos intereses das grandes empresas e dos oligopolios”.

Segundo o BNG, que Javier Bas rexeitara, co seu voto de calidade, unha tarifa que tamén beneficiaría aos seus veciños e veciñas, desmonta o discurso de que “ o alcalde de Redondela, soamente se move polos intereses dos redondeláns. Confírmase que está ao servizo dos intereses do seu partido, e por tanto de costas ás verdadeiras necesidades sociais dos e das redondeláns”.

10433779_749991805050451_7182304936983745905_n

Javier Bas en contra dunha tarifa eléctrica galega.