O BNG segue con preocupación os últimos acontecementos relacionados cos ambulantes xitanos.

O BNG segue con preocupación os últimos acontecementos relacionados cos ambulantes xitanos.

Despois do apoio acadado polo Pleno á emenda do concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González na moción da Agrupación de Electores, os acontecementos de Tui, constatan un panorama “preocupante”.

Na última sesión plenaria, a Agrupación de Electores presentou unha moción na que se recollía a necesidade de preservar o dereito do colectivo de vendedor@s de etnia xitana, a exerceren libremente a súa actividade como feirantes.

Na súa intervención, o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, cualificou de “prácticas mafiosas as ameazas verquidas contra un colectivo dunhas 400 persoas, en contra do máis elemental dunha sociedade democrática”. Tamén considerou que existen moitas administracións que están facendo deixazón de funcións, como o caso da subdelegación ou a Xunta de Galiza.

Por iniciativa do Grupo Municipal nacionalista, apoiado polas demais forzas, o concello de Redondela amosaba a súa solidariedade e apoio ao colectivo de xitan@s afectados, instando a que as diversas institucións actuaran para rematar con esta situación, facilitando vías de integración do colectivo xitano.

Os últimos acontecementos producidos en Tui, onde presuntamente se produciu unha agresión física a algúns dos vendedor@s ambulantes, confirman, segundo o concelleiro nacionalista “que nos atopamos lonxe de acadar unha solución pacífica e que garanta os dereitos de todos @s cidadáns”.

Tal como quedou recollido na intervención plenaria, “cómpre unha aposta decidida das diversas administracións para que a problemática non se enquiste, permitindo que familias que levan vivindo na nosa entorna máis de corenta anos, poidan exercer libremente a súa actividade laboral”.

Outra das cuestións que máis preocupa ao BNG, é a situación dos cativos e cativas, “que levan máis dun mes sen asistiren aos centros escolares, sen que nin a Consellaría de Ensino nin a de Benestar, movan un dedo”.

Segundo declara o concelleiro nacionalista “as políticas activas para a integración total de todo tipo de colectivos, etnias ou credos debe ser un dos piares dunha sociedade aberta e integradora como é a galega”.

10371896_656682427734136_4707414981257030143_n

O BNG segue con preocupación os últimos acontecementos relacionados cos ambulantes xitanos.