X. Carlos González: 'as declaracións da concelleira de Servizos Sociais dannos a razón'
O concelleiro do BNG recorda, que o seu grupo leva anos demandando unha campaña informativa do Concello sobre a ordeanza de emerxencia social. Deste xeito, todos aqueles veciños e veciñas de Redondela, que están a sufrir a crise económica, susceptíbeis de seren beneficiarios destas axudas municipais, poderían coñecer os seus dereitos. Ante a negativa do goberno de Javier Bas de levala a cabo, dende o BNG tomaron dita iniciativa.
Salienta que na súa propia nota a concelleira de servizos sociais, Mari Carmen Amoedo, recoñece que nunca se gastaron máis da metade dos 60.000 orzamentados. Xoán Carlos González responsabiliza direitamente ao alcalde, Javier Bas desta situación, afirmando que malia que cambiou á concelleira de servizos sociais, os resultados seguen a ser os mesmos.
Continúa na súa nota afirmando que para o único que lle serve ao goberno municipal do Partido Popular esta ordeanza, é para presentar unhas contas a fin de ano equilibradas, polo que se constata que o gasto social, nunca foi unha das súas prioridades. Todo o contrario do que o BNG defende: a inversión en políticas sociais dende a administración pública, para paliar en parte unha crise imposta ao conxunto da sociedade.
Pola súa banda, recórdalle á concelleira de Servizos Sociais, Mari Carmen Amoedo, que a única persoa que buscou titulares de prensa foi ela mesma a inicios do presente mandato. Reuníuse coa empresa que xestionará o Centro de Día de Cesantes, a sabendas que a responsabilidade de manter esta infraestructura pechada é única e exclusivamente do Partido Popular, quen gobernando na Xunta segue a ningunear ao goberno municipal e por extensión a toda Redondela.