Xoán Carlos González cualifica de “covardía política” o abandono de Javier Bas.

Avatar Redondela
Avatar Redondela

“Deixa na estacada a quen lle apoiou, confirmándose que o seu interese por Redondela, limitábase a ser alcalde ”, afirma.

Xoán Carlos González cualifica de “covardía política” o abandono de Javier Bas.

O voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, entrou a valorar o recente anuncio do abandono da vida política do ex-alcalde de Redondela, Javier Bas. “Intuíamos que isto ía a suceder, mais agardabamos unha mostra de dignidade manténdose uns meses ao cargo das súas responsabilidades na oposición”, sinala.

Considera que co caso de Javier Bas “constátase como se antepoñen os intereses particulares, renunciando a traballar de verdade polos nosos veciños e veciñas alí onde nos situaron cos seus votos”. Afirma que ao negarse a traballar dende a oposición “deixa na estacada aos votantes do PP, polo que queda inhabilitado para desempeñar no futuro calquera responsabilidade política”, apunta.

“En Redondela construíuse un discurso por parte do ex-alcalde cargado de vaidade e egocentrismo. Dende o BNG sufrimos os insidiosos ataques de Javier Bas, ao defender a nosa alternativa política, sen dobregarnos ás súas chantaxes. Agora queda patente que unicamente se movía polo interese económico”, afirma.

“Servizos sociais desprestixiados, parroquias nas que nin tan sequera se apoiou ás comunidades de auga, cascos urbanos hostís para vivir, proxectos con grande inversión económica e escasa repercusión social, cultura centralizada, rede caciquil, distorsión do sentido dos orzamentos participativos e consellos parroquiais,...” son algúns dos elementos que considera que Javier Bas deixa como herdanza política.

Con este abandono “de novo dende as filas do Partido Popular desprestíxiase a actividade política, ao primar os intereses persoais. Este partido en Redondela, hai tempo que entrou en descomposición, pretendo impor un modelo que nunca contou coa maioría da veciñanza”, afirma Xoán Carlos González.

Pon en valor o edil nacionalista, o importante papel que se desenvolve dende a oposición; “en ocasións pouco valorado, mais que leva os problemas de moitos veciños e veciñas ao Concello para que sexan solucionados”. Finalmente recorda Xoán Carlos González que “non foron os votos do Bloque Nacionalista Galego os que permitiron que durante oito anos Javier Bas ocupara a alcaldía de Redondela”.

 

Xoán Carlos González cualifica de “covardía política” o abandono de Javier Bas.