Carme Adán no Mitin en Redondela

Intervención de Carme Adán no Mitin do BNG de Redondela
Carme Adán no Mitin en Redondela

“Só co BNG no goberno galego a nosa cultura vai poder ter futuro”.

Carme Adán en Redondela

Valorou como moi negativo o saldo cultural da xestión do PP ademais das políticas a prol das mulleres.

A candidata nº2 por Pontevedra, iniciou a súa intervención pedindo desculpas aos e ás asistentes polo seu retraso duns minutos. Aclarou que viña de manter unha xuntanza con “representantes do sector cultural galego, quen amosaron a súa preocupación pola situación actual”. Non só polo que representan en canto a unha verdadeira colectividade que traballa na defensa e posta en valor do idioma e da nosa cultura, senón que mesmo da defensa dun sector económico de importancia no País.

Dúas de cada tres industrias que pecharon as súas portas nos últimos anos, teñen que ver co sector cultural. Peche de xornais en galego, de editoriais que ben xa pecharon ou están a piques, de compañías de teatro, do audiovisual … son o balance da xestión dun “verdadeiro goberno antigalego como é o do Partido Popular”. Cómpre que se lle dea un novo pulo dende o sector público para que se volva a converter nun sector con puxanza e con futuro.

Carme Adán considerou que a estratexia do Partido Popular en materia cultural está perfectamente definida e trazada. “Trátase de eliminar todo e canto aquilo teña de xenuíno e particular como a nosa lingua e a nosa cultura”. Preténdese cencenar dende a base calquera manifestación cultural propiamente galega, para que os galegos e galegas doutra volta vivamos de costas á nosa historia e tradicións.

 

Políticas a prol da muller

Noutra parte da súa intervención, a candidata  nacionalista pediu o voto para o BNG, entre outras razóns pola dignidade das mulleres galegas. “Non vou nin tan sequera a dicir o nome da persoa que fixo unhas declaracións en contra das mulleres, como as feitas por un deputado do PP, pois luxaría tan insigne apelido. Pero si que considero que se trata de  declaracións que exaltan o terrorismo de xénero impropias nun pretendido estado democrático”. Afirmou que aínda hoxe existen moitísimas mulleres que seguen a ser vítimas dunha violencia que tamén se ve agravada coa crise económica.

O Bloque Nacionalista Galego garante políticas a prol da igualdade de xénero, poñendo en activo recursos para permitir o acceso ao traballo, a erradicación da violencia machista. Animou finalmente Carme Adán a todo o mundo a defender o proxecto político nacionalista, co obxectivo de corresponsabilizarnos do que queda por facer.

Carme Adán no Mitin en Redondela