O desmantelamento de servizos sociais, é a peaxe a pagar por permitir que Javier Bas goberne”
“Querer converter os servizos sociais en servizos á beneficencia”, converteuse no principal obxectivo do goberno do Partido Popular.
Como xa ten denunciado o BNG, “dende que Javier Bas asumiu a alcaldía déronse pasos en firme para desmantelar o servizo”. Recordan que ata o 2011 baixo a dirección da organización nacionalista, e xa en plena crise económica, con persoal e orzamentos similares aos actuais, servizos sociais de Redondela ofrecía unha atención de primeira calidade, converténdose en referente para outros concellos. “Traballábase arreo, porque a finalidade principal, consistía en dar unha resposta inmediata ás necesidades da veciñanza. E iso conseguímolo, pese a quen lle pese”.
Contrapón o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González a concepción dos servizos sociais do BNG, como o exercicio dun dereito que lle asiste a calquera veciño ou veciña de Redondela, fronte ao modelo da dereita, cunha concepción decimonónica, de concesións do poder aos individuos.
Recorda, como xa a deriva do departamento de servizos sociais iniciouse no anterior mandato, o que levou á substitución da concelleira. “Javier Bas, cedeulle a competenza á actual responsábel, que veu a afondar na crise do servizo”. Atención á veciñanza unicamente tres horas semanais; fomento da descoordinación entre as profesionais; propiciouse o aumento da partida para entidades sociais que viñan a substituír o papel do concello, modelo combatido unicamente polo BNG; incidiuse nos servizos sociais como servizo de beneficencia; son só algúns dos exemplos para chegar á actual situación de colapso do servizo.
Considera o edil nacionalista que “a veciñanza redondelá está pagando a peaxe de aplicar o discurso da dereita de permitir que goberne a forza máis votada. Facilitar por activa ou por pasiva que o PP chegue ao poder, lévanos a situacións como a que agora vivimos”.