O goberno de Javier Bas, acaba recoñecendo que ten cartos para a Batalla de Rande.
Non ía deixar pasar esta oportunidade, Javier Bas e o seu equipo de goberno, para pretender cubrirse de gloria, “aparecendo como o mecenas que atoparía o xeito de afrontar os gastos deste evento”. Desta volta, o tiro saíulle pola culata
A pretensión de que coa xustificación de pagar a Batalla de Rande, podería tapar os gastos incontrolados, mal planificados e mal orzamentados do goberno de Redondela, caeu en saco roto. A idea de que, se non se sucumbía á súa chantaxe, non habería Conmemoración atopouse cun obstáculo co que non contaba: a firme determinación dos organizadores, de que a actividade realizaríase si ou si. Nunha mostra de dignidade e compromiso coa veciñanza, non só de Rande e Redondela, senón coa nosa comarca, os membros da organización e colaboradores, comprometéronse a levar a bo termo este acto. Non cabe máis que recoñecer a súa valentía.
O que pretendía o goberno de Redondela, a proposta do responsábel de facenda, o propio Javier Bas, era agochar a súa incapacidade na xestión, e descontrol no gasto, metendo na mesma proposta os Actos de Conmemoración da Batalla de Rande, xunto a outras partidas ata un total de 130.000€. Tal como expresou o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, “o que realmente pretenden aprobar son os 40.000€ que deben á empresa de limpeza de edificios públicos, pola falla de previsión no concurso realizado por eles mesmos”.
O concelleiro nacionalista referiuse igualmente a que “do mesmo xeito que noutras ocasións o concello aparece como organizador, pagando sen problema ningún, nesta ocasión para a Batalla de Rande, tamén debe aboar as facturas comprometidas hai xa nove meses”. Recordou no Pleno Extraordinario, que “Javier Bas faltou á súa palabra cos veciños e veciñas, gastando os cartos que comprometera para a Batalla de Rande”.