8 de Marzo, unha data reivindicativa!

8 de Marzo, unha data reivindicativa!

Achégase unha data de grande significación para o nacionalismo, para as mulleres, e para o conxunto da sociedade. Como todos os anos, a celebración do 8 de marzo, vai aparellada, a unha reflexión sobre a situación da muller.

Nunha visión rápida do feito nos últimos anos, cómpre facer mención á importancia do acadado. A presenza da muller, e o seu destacado papel na evolución da sociedade, conquistouse a forza de mobilización, compromiso e confianza nas nosas posibilidades. Dende diferentes sensibilidades ideolóxicas e políticas, onde o nacionalismo democrático, expresado no BNG mantivo unha posición firme, convertémonos  nun dos piares desta “sociedade democrática”.

Esta loita continúa, a pé de rúa, pero tamén nos centros de traballo, nas asociacións sindicais e políticas, no propio uso da lingua, na universidade, arrastrou igualmente aos sectores máis conservadores e retrógrados da dereita. Aínda que fóra por unha cuestión meramente electoral ao Partido Popular, non lle quedou máis remedio que asumir certos aspectos básicos na liberación da muller.

Os tempos están a mudar, e non para mellor. Aparellados á perda dunha serie de dereitos acadados polo conxunto da sociedade (servizos públicos de calidade, condicións laborais dignas, xustiza igualitaria, dereitos nacionais) a ofensiva anti- todo o acadado ata agora, aumenta día a día. Na reivindicación dos dereitos das mulleres de todo o mundo: nin un paso atrás.

Redondela tamén participou nas últimas décadas neste proceso evolutivo. Dende o BNG, en colaboración con vogalías e asociacións de mulleres, traballouse arreo para poñer enriba da mesa os lexítimos dereitos de todas nós. Programacións anuais, actos reivindicativos e formativos, declaracións institucionais, dinamizacións de consellos, pulo definitivo ao CIM, Programa Clara, … Todas estas iniciativas, están hoxe en perigo.

Este venres 8 de marzo, participaremos os homes e mulleres do BNG de Redondela, na Manifestación que se vai celebrar en Vigo o propio 8 de marzo ás oito da tarde dende a Praza de Portugal. Tamén faremos un reparto de material informativo para animar aos veciños e veciñas de Redondela, a comprometerse cos lexítimos dereitos das mulleres.

8 de Marzo, unha data reivindicativa!