O BNG de Redondela denuncia a falla de financiamento dos cursos CELGA.

O BNG de Redondela denuncia a falla de financiamento dos cursos CELGA.

Política Lingüística deixa sen curso a medio cento de persoas en Redondela.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou a resolución na que se recollían as axudas aos diversos concellos, para cursos preparatorios para obter os CELGA. Contrariamente ao esperado polo Bloque Nacionalista Galego, o concello de Redondela non recibiu ningún tipo de subvención. A organización nacionalista cualifica o feito de “agresión lingüística” por parte da Xunta de Galiza para co noso concello.

Dende o BNG denuncian a alarmante perda de apoios no uso e fomento do galego que dende as estruturas do Partido Popular, se está a producir. Redondela, un dos concellos que sempre enarborou a bandeira da dinamización e normalización lingüística, atópase neste eido, nunha situación de parálise dende o goberno municipal.

Nesta convocatoria foran dous os cursos solicitados, nos que se prescribiran medio cento de persoas que agora van quedar sen formación.

Os CELGA veñen sendo moi demandados polo conxunto da cidadanía nos últimos anos. Diferentes colectivos queren formarse nos cursos que agora non recibirán apoio da Xunta de Galiza. Persoas que no seu momento non puideron adquirir a titulación, ou que desexan ampliar o seu currículo, ou ben pretenden mellorar a súa competencia no noso idioma eran os principias actores destes cursos.

O BNG empraza ao concello a asumir os cursos.

O Grupo Municipal do BNG, por medio do seu concelleiro, Xoán Carlos González, dirixiu un escrito ao alcalde, Javier Bas. En dito escrito solicitábase que fora o propio concello quen asumira a organización dos cursos preparatorios. Redondela non pode quedar fóra destes cursos formativos para a adquisición do CELGA.

Consideran, dende a organización nacionalista, que se trata de evitar a perda da posibilidade de formación para un importante grupo de veciños e veciñas, co obxectivo de ampliar a súa formación e o seu currículo.

O BNG de Redondela denuncia a falla de financiamento dos cursos CELGA.