Gabriela Álvarez, mariscadora e candidata nº 4 do BNG de Redondela

rpt
rpt
Gabriela Álvarez, mariscadora e candidata nº 4 do BNG de Redondela

Gabriela ti es una persoa independente que vas na candidatura do BNG de Redondela as eleccións municipais. Porqué decidiches dar este paso?

Eu xa levo tempo compartindo o proxecto nacionalista que lidera Ana Pontón. A isto teño que sumarlle que en Redondela o traballo de BNG foi un exemplo de compromiso coa veciñanza: A defensa da apertura do centro de día de Cesantes, a loita en contra da desfeita da AP-9 na miña parroquia, a campaña do catastrazo, das pensións, da sanidade, da tarifa eléctrica galega, a loita pola liberdade coa acollida da exposición do colectivo republicano, son cousas que me empuxaron a dar este paso.

Mais que teño que recoñecer que a súa posición e determinación contra o transvase do verdugo e a súa defensa do sector da baixura e do marisqueo, foron determinantes na miña decisión.

 

Como mariscadora en activo, como ves ti a situación a día de hoxe  do marisqueo a pé?

O marisqueo a pé está  nunha situación limite por culpa das políticas  do Partido Popular  na Xunta de Galiza, lembrar que no ano 2009 cando o Partido Popular volve o goberno da Xunta, en Redondela traballan no marisqueo a pé 190 persoas e hoxe tan só 125.

A contaminación e a desaparición das especies autóctonas na enseada (ameixa fina, babosa e berberecho), poñen o sector contra as cordas.

A isto temos que sumarlle a falla de axudas para a repoboación dos noso bancos marisqueiros con semente de especies autóctonas, mentres se aposta pola introdución da ameixa xaponica, algo que deixa ben clara a intención da Xunta de Galiza de acabar coa baixura e o marisqueo.

 

Cal sería a solución que dende o concello se tería que dar para axudar a reverter esta situación?

O marisqueo a pé é unha actividade cunha grande importancia económica en Redondela e cunha tradición de moitos anos.

O concello ten que poñer en valor esta actividade. Dende o BNG propoñemos a creación dunha Concellería do Mar para ter comunicación directa co sector e darlle unha relevancia a esta activade.

Dende logo o concello ten que apostar polo saneamento da enseada e poñer a producir os nosos bancos marisqueiros, mediante axudas para a adquisición de semente de especies autóctonas. Sirva como exemplo dicir que no ano 2009 na lonxa da confraría de Redondela, vendéronse mais e 100.000 kg de berberecho e no 2018 non se chegou a 1.000 kg

 

Como afrontades a suba das cotas da Seguridade Social por parte do ISM?

Estamos diante dunha decisión totalmente inxustificable e inasumible, ademais dicir que  en ningún momento foi consultada nin consensuada co sector.

Con esta suba dun 23,7% nos recibos da Seguridade Social, pasamos de pagar 194 euros a 240 ao mes. Sen dúbida isto supón un golpe mortal para un sector xa moi castigado e que non leva aparellada mellora social algunha, xa que o incremento debese a suba dos tipos de cotización por continxencias comúns e profesionais e non pola suba da base da cotización, o que si suporía unha mellora nas prestacións futuras.

 

 

Por último, porqué pensas ti que a xente ten que votar o BNG?

Porqué votar o BNG é votar por unha Redondela mais xusta, mais  social, mais solidaria, mais participante e transparente.

Queremos poñer en marcha unha verdadeira política medioambiental e onde a posta en valor dos nosos sectores produtivos, sen dúbida será unha prioridade.

Temos organización, temos proxecto, temos un equipo de xente preparada, chea de ilusión e con ganas de traballar para facer de Redondela un lugar mellor para vivir.