Partido Popular de Redondela, un partido voitre.

Partido Popular de Redondela, un partido voitre.

Só un partido como o PP podía tentar sacar tallada política da crítica situación sufrida por veciños e comerciantes nos asolagamentos vividos en Vilavella. A improvisación, falla de planificación e dun plan de emerxencias, pretenden ser agochadas polo “bo facer do seu equipo de goberno”.

A medida que van pasando os días, o BNG manexa máis información sobre a problemática dos anegamentos dos días 12 e 13 de febreiro. Existen moitas dúbidas, sobre as que a organización nacionalista vai pedir todo tipo de informes.

Nembargantes cabe salientar a actitude seguida por varios concelleiros do equipo de goberno. Viron a posibilidade de sacar tallada política da improvisación por eles creada. Baixo ese discurso populista, que tanto lle gusta á dereita, puxeron “aos seus a traballar”. O primeiro que fixeron foi desprestixiar, unha vez máis, aos técnicos e traballadores municipais. Anularon completamente o criterio dos que verdadeiramente poderían tomar decisións que velaran polo interese coleitivo.

Dende o BNG, consideramos que na xestión dun goberno racional e con criterio, deben ser os traballadores e traballadoras, que para iso están formados, os que deben tomar a iniciativa. Deste xeito, quedaría a responsabilidade política para coordenar, e participar das decisións de maior calado.

Nada máis lonxe da realidade. Foi o voluntarismo dos propietarios dos comercios, e das súas amizades e familiares, de moitos veciños do Salgueiral, e da entrega de traballadores e voluntarios, a que en primeira instancia aliviaron os asolgamentos.

Varios foron os bulos que soltou o PP para desviar a atención, e evitar críticas. Que o primeiro asolagamento, iba a ser o único e que a situación estaría controlada, ata en catro ocasións anegouse Vilavella. Que esta situación foi extrema e crítica. Malia que efeitivamente houbo precipitacións moi por riba da media, o Val do Maceiras leva anegándose varios anos seguidos en grande parte da súa extensión.

Nin unha soa crítica a falla de previsión de Augas de Galicia, controlada polo PP. Nen unha soa referenza ao aumento de caudal polas aportacións do AVE, obra rematada polo PP. Nin unha soa mención ás augas verquidas polo Aeroporto, infraestructura dependente do Estado.

Só un partido que pretende comprar vontades, asume a “devolución de favores” como práctica política, ou o medre persoal como recurso, pódese entender que a incompetenza leve a pretender rendabilizar políticamente as situacións extremas vividas polos seus conveciños.

IMG_20160217_191800