O BNG volve demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.

Veciñas de Redondela e Cesantes xunto a Montse Prado e parte do CL do BNG de Redondela.
Veciñas de Redondela e Cesantes xunto a Montse Prado e parte do CL do BNG de Redondela.

A candidata Montse Prado, avogou por un cambio de goberno na Xunta “para dar resposta ás verdadeiras demandas sociais da cidadanía galega”.

Convocada pola organización nacionalista, desenvolveuse unha nova concentración diante deste equipamento de carácter social, licitado hai sete anos, rematado de construír hai catro, e cedida a súa xestión a unha empresa no 2015.

Varias ducias de veciños e veciñas concentráronse ante o Centro de Dia de Cesantes, para demandar a súa inmediata posta en funcionamento. O concelleiro Xoán Carlos González, afirmou que “varias visitas de Feijóo a Redondela, como presidente da Xunta e como presidente do Partido Popular, e ningún compromiso con este equipamento”. Na súa alocución reprochoulle ao alcalde Javier Bas, que no canto de defender os verdadeiros intereses do cuarto concello da provincia, “exercera como alcalde aplaudidor, e consentidor, ante esta verdadeira vergoña do PP”.

Pola súa banda, Montse Prado, deputada do BNG, e candidata por Pontevedra, salientou que “o do Centro de Día de Cesantes, é un claro exemplo do menosprezo co que o goberno da Xunta trata aos servizos sociais”. Referiuse á redución gradual dos orzamentos en políticas sociais co que os gobernos de Feijoó teñen actuado nestes sete anos. “Tratase dunha política indecente, posto que ataca na liña de flotación dun dereito básico de todos os galegos e galegas”.

Recordou que en varias ocasións o BNG levou diversas iniciativas ao Parlamento. “A resposta que se nos daba, aclarou Montse Prado, era que en Redondela non existía demanda dun Centro de Día. Algo lonxe da realidade, pois arredor dun 20% da poboación redondelá supera os 65 anos”.

“Encontrámonos diante dun edificio que debe dar resposta ás demandas de cincuenta usuarios e usuarias, das súas familias, e dun número importante de traballadores”, afirmou Prado, “mais o goberno do PP non quixo abrir o primeiro Centro público, do cuarto concello da provincia de Pontevedra”.

“Soamente un cambio de goberno da Xunta, do que o BNG vai formar parte, pode garantir que as políticas sociais estean verdadeiramente ao servizo da cidadanía”, afirmou na parte final da súa intervención a deputada do BNG. Emprazou, botar fóra ao PP, para poñer o goberno ao servizo dos galegos e galegas.

Membros da Asociación de Veciñ@s de Cesantes, que tamén participaron da concentración, dirixíronse aos congregados, demandando igualmente a apertura do Centro de Día, “porque se trata dun edificio feito cos cartos de todos nós, que leva pechado catro anos”.

O BNG volve demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.