Acto informativo sobre as repercusións da LOMCE en Redondela.
O goberno do Partido Popular pretende aprobar unha nova lei educativa, a LOMCE, que suporá un tremendo retroceso para o sistema educativo do noso país, e que ataca directamente a igualdade de oportunidades que, aínda con certas deficiencias, pretendía garantir o sistema educativo actual.
Desde o BNG consideramos que, se se aproba esta lei, toda a nosa sociedade se verá afectada, de maneira que a tan anunciada saída da crise se vai demorar e, para algúns sectores da sociedade, será absolutamente imposíbel.
Por este motivo, queremos comunicarlle á sociedade a nosa visión deste problema, para que toda a poboación, sexan estudantes, docentes, pais, nais, avós, avoas, etc, tomen conciencia da necesidade de presentar unha oposición frontal a esta medida, que ataca o presente da vida escolar dos nenos e nenas de hoxe e que, por tanto, ataca o futuro de toda a sociedade.
Este venres, 3 de maio, ás 20:30 h., celebraremos un acto informativo na Casa da Cultura de Redondela, onde contaremos coa presenza de Marta Dacosta, en representación da CIG-Ensino, que nos exporá con detalle cales serán as repercusións da LOMCE se chega a aprobarse.
Esperamos contar coa asistencia de todas as persoas interesadas.