Ampliación da Autoestrada. Esta é toda a capacidade do PSOE?
Nas últimas semanas, o inicio das obras de Ampliación da Autoestrada, en Trasmañó e Chapela, converteuse no principal tema de preocupación do Bloque Nacionalista Galego. Con tal motivo presentouse, como primeira moción do presente mandato, ante o Pleno da Corporación a solicitude da gratuidade da peaxe en Rande. Co apoio de todos os grupos, excepto AER, o Concello de Redondela, e polo tanto os veciños e veciñas, demandaban a gratuidade.
Durante varias semanas, tanto o Colectivo de Afectados polas Obras de Ampliación, como as AA.VV. de Chapela e Trasmañó, demandaron solucións aos responsábeis da obra, e ao goberno municipal, dos inconvintes que se estaban a padecer.
Novamente a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, visitou in situ as obras, e presentou diversas iniciativas no Congreso dos Deputados.
Nos últimos días tamén representantes do Partido Socialista, mantiveron encontros coa veciñanza. Dende a organización nacionalista, considérase moi importante que calquera forza, colectivo, asociación que teña algo que dicir, ou algún tipo de responsabilidade debe poñer todo o seu empeño, en mellorar as condicións das obras, e do resultado final.
Mais, a xuízo do BNG, trátase, a do PSOE, dunha visita pouco máis que protocolaria. O feito de que unha deputada do Parlamento Galego, sexa quen encabece a delegación socialista, non fai máis que confirmar o percorrido que se lle pretende dar ás súas iniciativas. Tamén actuou no pasado de xeito semellante IU, ao tomar iniciativas dende un Parlamentario Galego.
Acaso estas forzas de carácter estatal, nomeadamente o PSOE, carecen de representantes no Parlamento Español para que visiten as obras de tanta repercusión? Non son electos cada catro anos, deputad@s ou senadores/as pola circunscrición de Pontevedra? Está o Partido Socialista, sufrindo presións internas, procedentes do alcalde de Vigo, un dos principais defensores da obra, para que este tema careza de transcendencia? Pola parte do Partido Popular, tampouco espera o BNG, ningún tipo de iniciativa, por suposto.
Novamente o BNG, cunha representatividade netamente inferior á do PSOE no Parlamento Español, exerce de verdadeiro interlocutor da veciñanza de Chapela. A deputada, Olaia Fernández, plántase en Redondela sempre que a súa presenza é requirida, toma iniciativas, presenta interpelacións, ou preguntas ante o goberno español.
Demóstrase, unha vez máis a necesidade de aumentar a representatividade do BNG en Madrid. Trátase dunha cuestión de futuro para Galiza.