A aprobación dos orzamentos do 2018, só reforzan ao Partido Popular
As negociacións e acordos aos que chegaron PP e AER nestes días, despois de que na comisión de facenda os segundos votaran en contra da proposta, “van claramente en contra dos intereses dos e das redondeláns”.
Dende o BNG, fíxose unha análise global dos orzamentos que vai manexar o goberno de Javier Bas, no vindeiro ano, que poden chegar aos 27 millóns de euros: 19 orzamentados, 1'2 Plan Concellos, 1'5 remanente, 5 millóns Fondos Europeos
Os orzamentos do 2018, non representan en si mesmos grandes cambios arrespeito os do 2016 (os do 2017 estaban prorrogados). O 90% das partidas mantéñense inalterábeis. As novidades máis significativas, corresponden á aportación do Concello para os proxectos con Fondos Europeos, e ao convenio para o Centro de Día e Fogar Residencial de Cesantes (este último aínda se a posta en marcha).
A falla de Proxecto, caracteriza as liñas básicas de actuación dos recursos que vai manexar o goberno do PP. O único interese céntrase en actuacións mediáticas, grandes obras, desatendendo as verdadeiras necesidades da veciñanza. Dentro dun mes, todas as decisións que tome o goberno de Javier Bas serán responsabilidade do desenvolvemento destes orzamentos: para ben, e para mal.
Xa nalgún momento de anteriores debates, a voceira do goberno manifestara que os orzamentos simplemente constitúen un documento onde se recolle unha previsión, nada máis. A liquidación do orzamento, neste caso do 2017, recolle perfectamente o que orzamentan, e onde finalmente o gastan
Tal como manifestou o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, ao PP, chégalle con presentar as subvencións nominativas (convenios); modificacións de crédito; e recoñecementos extraxudiciais, para desenvolver a súa política. Dende a oposición, moi difícil pode controlar o despilfarro, e políticas clientelares que poñen en práctica.
Vía Plan Concellos da Deputación, Redondela disporá de 1.200.000€, para desenvolver actuacións propostas polo goberno (nesa decisión non necesitou a colaboración de ningunha forza). Vía remanente vai manexar 1.500.000€, que na súa meirande parte veñen do catastrazo cobrado no ano 2017. Vía Fondos Europeos, vai manexar ata 6.000.000€.
Os Fondos Europeos, que deberían empregarse para actuacións que son dificilmente financiábeis por outros medios, deberían permitir actuacións que humanicen os cascos urbanos do noso concello. Pola contra, introducen actuacións tan dispares como traslado de Servizos Sociais, ou a construción dunha pista de skate ou baloncesto, cando deberían ser financiadas pola propia Xunta de Galiza, responsábel destas áreas. É moi contraditorio que se aposte por fondos europeos para mellorar a calidade ambiental, e se constrúan estas pistas, practicamente na beira do Pexegueiro. Utilizou a voceira do PP, un discurso abertamente racista ao xustificar que alí antes había un campamento de xitanos, e se trapicheaba. Ela que, concelleira de Servizos Sociais, dispón dunha partida , que nunca utilizou para actuacións de integración da poboación xitana.
Con estes fondos, van realizar un paseo dende A Portela ata Cesantes. Por unha banda, non hai mantemento, e por outra, fiarse de que o PP, faga algo diferente ao que fixo no Areal de Cesantes, é arriscar moito para o borde litoral do noso concello.
Na cuestión do aforro enerxético, que o BNG está completamente de acordo, non pode ser que se recollan pequenas actuacións, e despois se vote man do remanente tamén para poñelo en marcha. Con vontade, poderían terse adicado maiores fondos a esta cuestión, deixando o remanente para actuacións municipais, como saneamento.
Pola vía dos Ingresos, tampouco hai moito que terlle en conta ao que afirman dende o goberno municipal. En partidas como IBI, non foron quen de recadar máis de 2 millóns de euros; no imposto de rodaxe deixaron de ingresar algo máis de 300 mil euros; en saneamento (se non se inviste non hai conexións) orzamentaron no 2017 250.000€, cobraron 137.000, e volven orzamentar 256.000. En canto ao cobro de multas por infraccións de tráfico ou urbanismo, prevían ingresar 120.000, quedaron na metade, e volven a orzamentar o mesmo.
A conclusión: trátanse duns orzamentos feitos sen criterio, sen Proxecto para Redondela, sen estar ao servizo da veciñanza, que o único que reforzan é a posición do Partido Popular.