O BNG, votará en contra dos orzamentos do goberno de Javier Bas.

Avatar Redondela

O voceiro municipal, Xoán Carlos González considéraos como “uns orzamentos a favor dos intereses do PP, en contra dos intereses dos e das redondeláns”.

O BNG, votará en contra dos orzamentos do goberno de Javier Bas.

Para o edil nacionalista “debe realizarse unha análise global do xeito de levar as finanzas polo goberno encabezado por Javier Bas”. Afirma que ademais dos orzamentos municipais, disporán de 1'2 millóns de euros procedentes da Deputación, xunto ao remanente de 1'5 , a meirande parte froito do “catastrazo”.

Recorda que adicaron 110.000 para pago a provedores, 20.000 palco, outros tantos para unhas cortinas do Pavillón A Marisma, 40.000 piano de cola, co Plan Concellos da Deputación. A análise destes datos vislumbra unha falla total de Proxecto para Redondela, recollendo actuacións sen criterio, que “unicamente buscan a rendibilidade electoral”, destaca Xoán Carlos González.

Salienta como moitas partidas orzamentarias son modificadas continuamente, poñendo de exemplo as axudas para a Batalla de Rande que gastaron, as gratificacións para traballadores/as do Concello, amplamente superadas, ou Orzamentos Participativos nos que aforraron ata 30.000 euros.

Repróchalle á concelleira de servizos sociais,   Mari Carme Amoedo, que utilice a reubicación deste servizo como instrumento para presionar ao BNG, cando “nunca lles interesou,  mesmo pretendía levalo para o Multiusos, nunhas condicións indignas tanto para as traballadoras, como para os usuariori@s”. Salienta que outros Proxectos do Redondela 2020, xa van máis avanzados que o traslado de servizos sociais, como a construción da pista de skate e baloncesto, “co único obxectivo de apañar votos”. Destaca que nesta área se orzamenten todos os anos 80.000€ en emerxencia social, cando non chegan a gastar nin a metade.

Reprocha igualmente que se fale dos Fondos Europeos, referíndose á seguridade viaria dos cativ@s. “Se por algo se ten caracterizado Redondela nos últimos anos é pola involución en canto a seguridade viaria que sofren os peóns. Os vehículos particulares invádeno todo en Redondela e Chapela, o veciñ@ está perdendo lugares de esparcemento e encontro, e todo fomentado polo goberno de Javier Bas. Non fan falla Fondos Europeos para desenvolver políticas en defensa de espazos para o cidadán, se de verdade se cre nelas”.

Para o edil nacionalista a liña económica do goberno de Javier Bas, aséntase en actuacións superfluas e intranscendentes, carecendo de inversións “verdadeiramente rendíbeis dende o punto de vista social”. Destaca que o saneamento desaparece como inversión prioritaria, ou a falla de axudas ás Traídas.

Non existen grandes novidades na proposta de Orzamentos do ano 2018, valora Xoán Carlos González.“O papel aguántao todo. Os orzamentos constitúen unha escusa para sacar adiante as súas políticas clientelares”, afirma con rotundidade o edil nacionalista.

A proposta de orzamentos sáldase, segundo o BNG, cun 10 para o goberno de Javier Bas, e un 0 para a veciñanza. Considera o voceiro nacionalista que por rigor, e por respecto aos redondeláns, votará non aos mesmos. “Trátase da nosa particular moción de censura ao goberno do PP de Redondela”.

 

 

O BNG, votará en contra dos orzamentos do goberno de Javier Bas.