O BNG cualifica de “neglixente”, a xestión económica do goberno de Javier Bas.
A organización nacionalista sae ao paso das declaracións do alcalde de Redondela, afirmando que “o gasto sen criterio, a improvisación e a falla de Proxecto convertéronse nos signos de identidade deste goberno”.
Segundo o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, as declaracións do alcalde de Redondela sobre a súa boa xestión económica, carecen de fundamento. “ Carecemos de orzamento dende hai dous anos e medio; documento clave no que se plasman as liñas básicas de calquera goberno que se quere considerar responsábel”.
Na súa valoración fai referenza, entre outras “á ordenanza de emerxencia social, que non resposta ás verdadeiras necesidades de moitas familias redondelás”. Calcula que anualmente aforran uns 40.000€ nesta partida, o que lle permite dar uns números en azul.
Engade o edil nacionalista, como grande parte do superávit, “vén dado, polo millón e medio de euros que recadou vía catastro nas parroquias no ano 2017, nunha regularización que en moitos casos, incorría en datos erróneos”.
Xoán Carlos González, sitúa determinadas actuacións do goberno de Javier Bas nesa política de aforro “perversa”, pois vén da eliminación de axudas a entidades, como no caso das Comunidades de Auga, ou no aforro de 27.000€ nos orzamentos participativos”.
“En materia económica este goberno, caracterízase por actuacións exhibicionistas e de escaso impacto social, apuntando o recente cambio de bordos na Alameda, cunha inversión que estaban dispostos a que chegara a 100.000€”. Considera que deberían terse priorizado actuacións noutras partes do casco urbano de Redondela como Eidos, Esfarrapada, Picota, ou San Xoán de Arcal.
“Non podemos máis que cualificar de neglixente a xestión económica do goberno de Javier Bas, dándolle as costas ás verdadeiras demandas dos e da redondelás”, afirma Xoán Carlos González. Pola contra considera “que alí onde o BNG goberna, como xa sucedeu no noso concello, existen numerosas mostras de que a boa xestión económica debe dar resposta ás verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas. Seguiremos traballando para que isto volva a ser así en Redondela no futuro próximo”.