Augas de Galiza xa cobra o Canon da Auga en Redondela.
A medida, posta en marcha polo Partido Popular, contempla un único fin recadatorio.
O Bloque Nacionalista Galego, confirmou nas últimas semanas o feito de que o ente Augas de Galiza, dependente da Xunta, está a cobrar o denominado canon da auga en Redondela. Este canon afecta maioritariamente ás vivendas dos núcleos de Redondela Casco, Vilavella, Chapela e Cesantes; é dicir, a todas aquelas vivendas con enganche á traída municipal. Podemos estar a falar dunhas 7.000 vivendas, ás que como fixo Augas de Galiza lles cobra un 1´5 trimestralmente. A este fixo hai que engadirlle un gravame variable, que pode elevar a tarifa ata os 10 de media.
Único fin recadatorio.
Tal e como xa expuxo a nosa organización na Campaña Informativa que desenvolveu no ano 2010 esta lei non aporta nada novo, a respecto doutras normativas anteriores. O seu único fin é meramente recadatorio.
No BNG denunciamos que co pretexto da reinversión do recadado na mellora do abastecemento, o único que se fai é que sexan os veciños e veciñas os que aboan o consumo. A evidencia concrétase en que máis do 80% da poboación atópase nun dos tramos de cálculo máis altos.
Por outra banda, a aportación de empresas cun alto consumo de auga para desenvolver a súa actividade, non van a aportar o que lles correspondería porcentualmente.
Complicidade do alcalde, Javier Bas.
Redondela está a pagar dito canon, dende hai meses. Aínda se agrava máis a situación, pois o recibo debe pasalo o Concello, a pesares que o recadado vai directamente para Augas de Galiza. Trátase de utilizar os servizos de recadación do Concello de Redondela, para que a Xunta se beneficie directamente, coa ameaza de multar ao Concello, no caso de que non se cobre.
O daquela candidato do Partido Popular, Javier Bas, abandeirou varias xuntanzas nas que defendía o texto da Lei de Augas. Os resultados: todos os veciños e veciñas conectados á traída municipal pagan o canon da auga.
Dende o BNG denunciamos a submisión do alcalde de Redondela ante a Xunta de Galiza, pois no canto de defender verdadeiramente os intereses dos e das redondeláns, consinte que se cobre este imposto.
As traídas veciñais; a próxima peza.
Tal e como mantivo o BNG, en diversos actos informativos que se desenvolveron no 2010 en O Viso, Cedeira e Vilar; o obxectivo futuro é que as traídas veciñais tamén paguen este canon, facendo fincapé, no que hoxe en día xa é unha realidade: todos os veciños e veciñas pagan un canon que tén un único afán recadatorio.
Xa o denunciou a voceira do BNG, Cecilia Pérez, no Pleno da Corporación do mes de xuño, de xeito vergoñento o PP aplicou esta Lei nun ano no que non hai procesos electorais á vista.
Lembramos tamén, que a Campaña de Recollida de sinaturas e a presión social fixeron que o PP, modificara a súa pretensión inicial. Arredor de 15.000 sinaturas obrigaron ao goberno da Xunta a que no medio rural, somentes se pague o 20% do Canon da Auga.