O Bloque Nacionalista Galego CONTINÚA opóndose á ampliación da ponte de Rande.
A nosa postura non varía. Desde o principio. Desde o momento en que Touriño, con Pepe Blanco facendo os coros, anunciou o proxecto de ampliación da ponte de Rande, o BNG de Redondela trasladou aos órganos comarcais e nacionais a súa preocupación polo impacto durísimo que esta obra tería en Chapela, situándose desde aquel momento a nosa organización en contra desta obra inútil para o pobo e só beneficiosa para Audasa.
Pasaron diversos procesos electorais, coas súas respectivas campañas, e a nosa postura sempre foi a mesma: NON á ampliación.
Esta semana celebrouse un Consello Parroquial en Chapela, onde todos os colectivos aí presentes acordamos por unanimidade redactar un documento que obrigue ao Concello a se comprometer coa defensa dos intereses de Chapela. Todos estamos de acordo. En Redondela. Porque en Vigo os mesmos grupos que aquí din que non, aí din que si.
Ademais dos movementos que poida facer o concello polas vías que lle corresponden, desde o BNG consideramos que a única posibilidade de deter esta obra é cunha resposta social contundente e persistente. Por este motivo, no Consello Parroquial deste luns 7 de xaneiro, o noso representante propuxo a convocatoria dunha mobilización conxunta avalada por todos os colectivos que constituímos este órgano. Nos próximos días, se o concello quere seguir o que desde Chapela demandamos, convocarase á cidadanía para unha mobilización que esperamos sexa de asistencia masiva, tanto por parte da veciñanza de Chapela como do resto de persoas da comarca que consideren, coma nós, que esta obra non debe ter lugar baixo ningún concepto.