O BNG-AA propón en Cedeira unha nova formulación dos orzamentos participativos.
No acto público celebrado en Cedeira no que participaron Ana Santomé, Anxo Lusquiños e Xoán Carlos González, prantexouse a necesidade de apostar por unha fórmula realmente participativa. O candidato á alcaldía, comprometeuse a consensualos coas organizacións sociais, no inicio do proceso de elaboración do orzamento municipal.
No Acto Público que tivo lugar no Centro Cultural de Cedeira na tarde do mércores, fíxose un breve repaso ao que supuxo o mandato do goberno de Javier Bas. Basicamente un período de catro anos, que permitiron coñecer de primeira man o que significa un goberno municipal do Partido Popular: falla de Proxecto, improvisación, e personalismo, segundo Anxo Lusquiños, candidato nº3 do BNG-AA.
Pola súa banda a candidata nº4, Ana Santomé, destacou a necesidade dun apoio masivo o domingo 24 ao BNG-AA. Como moza e como muller, pido un voto da veciñanza redondelá á nosa candidatura, para que teñamos a oportunidade de traballar, e de desenvolver o noso proxecto de vida en Redondela e en Galiza, afirmou.
Finalmente, o cabeza de lista, Xoán Carlos González, considerou que cómpre que haxa un novo goberno municipal en Redondela, encabezado polo BNG-AA, para que as parroquias volvan a teren o protagonismo de mandatos anteriores. Afirmou que se trata dun dos eixos sobre os que se vertebra o Proxecto de Goberno da candidatura que encabeza.
Fixo un repaso ao que supuxo tres anos dende que se puxeran en marcha os orzamentos participativos. Tamén podemos considerar a inversión de máis de 400.000 en tres anos, nun gasto sen moito criterio. Algunhas farolas, marquesiñas, paneis informativos,... mais cuestións de pouco calado para un Concello como Redondela. Iso tamén pode ser considerado como tirar cos cartos. Ademais, dende o goberno de Javier Bas, enganaron a colectivos posto que moitas das actuacións, terían que ser feitas polo propio Concello.
Xoán Carlos González apostou por uns verdadeiros orzamentos participativos que cumpran tres condicións: que sexan partidas debatidas e acordadas cos representantes do movemento antes da elaboración dos orzamentos municipais; que non se trate dun reparto unilateral por parroquia, senón que sexan partidas que permitan unha inversión de calado; estudar a posibilidade de que poidan investirse en actuacións no eido cultural, social, educativo.
Na súa intervención no Centro Cultural de Cedeira, Xoán Carlos González, confiou nun respaldo importante ao BNG-AA, posto que se trata da única posibilidade de darlle unha voz real ao movemento social e asociativo, que lles permita compartir a acción de goberno municipal.