O BNG afirma que os problemas de Redondela desapareceron do Congreso.
O Consello Local considera que volver a ter presenza en Madrid, volvería a levar cuestións como a ampliación de Rande, a rotonda de Os Valos, ou as estacións de Redondela e Chapela.
Para os membros da organización nacionalista, os cinco meses sen presenza do BNG no Congreso, constitúen unha mostra do que lle importa Redondela e a bisbarra ás diferentes forzas que recabaron a maioría de apoios nas anteriores eleccións. Malia que hai cuestións de calado para os habitantes desta parte do País, só lles interesou manobrar para mellorar a súa cota de poder, afirman.
Destacan na súa nota dende o BNG, que un problema tan grave, de tanto impacto, tan negativo como o da ampliación da Autoestrada e Ponte de Rande, deixaron de ser unha prioridade. Nin PP, nin PSOE, nin Podemos foron quen de levar unha soa iniciativa neste sentido. Coa presenza da nosa organización en Madrid, eran numerosas as interpelacións ao goberno sobre a situación dos proxectos e das obras. Tamén eran constantes e permanentes os encontros da deputada con representantes dos colectivos afectados. Os deputados e deputadas destas forzas, pasan pola autoestrada con moita frecuencia, mais non se deteñen a coñecer a problemática veciñal.
Centran a súa crítica dende o BNG, no feito de que o Partido Popular apoiou a transferenza da Autoestrada en Compostela, e como sempre ao chegar a Madrid, os seus deputados unicamente obedecen as directrices dos mandamáis.
Outra das cuestións ás que fan referenza dende a o Consello Local, céntrase na situación das estacións ferroviarias do concello. Dende o BNG, impulsamos numerosas iniciativas para o apeadoiro de Chapela, e estación do AVE en Redondela. O balanzo a día de hoxe, para PP, PSOE, Podemos, 0.
A demanda dunha rotonda no Alto dos Valos, converteuse nos últimos anos nunha das demandas de maior calado, que teñen a ver co Ministerio de Fomento. Houbo iniciativas sociais, e políticas para que se eliminara este punto negro da nosa rede viaria, e xa se ve que ninguén moveu un dedo.
Segundo Anxo Lusquiños, responsábel local, tan só que o BNG, por medio de Luís Bará, volva a ter presenza no Congreso, pode garantir que os problemas de Redondela e bisbarra volva a ter eco ante o goberno do Estado.