O BNG amosa a súa preocupación pola falla de novas sobre os Pantaláns de Arealonga.
O concelleiro do BNG, Xoán Carlos González solicitou a comparecencia do alcalde Javier Bas sobre a situación dos Proxectos de Pantaláns nos arredores da praia de Arealonga. Para saír do paso, afirmouse que no mes de setembro, habería novidades sobre estas iniciativas de ampliación.
Pois ben, xa pasou setembro, tamén outubro, e atopámonos nos inicios do mes de novembro, e ningunha nova sobre as propostas de Ampliacións de dous Pantaláns. Perto de 5.000 m2, de lámina de auga poden ser ocupados, no caso de que a Autoriedade Portuaria aceite as propostas. Para o Bloque Nacionalista Galego, calquera iniciativa que pase por unha ampliación de Pantaláns, por moi pequena que pareza, sería inasumíbel. Somos conscientes de que estamos ante un problema importante, mais seguimos traballando para evitar que se amplíen estes amarres.
A situación complícase coas últimas novidades emanadas, outravolta, dende o Partido Popular relacionadas coa Autoridade Portuaria. A substitución de Ignacio López-Chaves por Enrique López Veiga, como presidente deste ente, non son boas novas para Arealonga en particular, e a Ría en xeral, afirma o responsábel local da organización nacionalista, Xavier Balsas. Segundo ten manifestado este novo cargo do Estado, a Ría debe estar ao servizo dos intereses do Porto, polo que calquera actuación pode ser xustificábel.
Agardamos que este problema chegue a unha boa solución para o equilibrio medioambiental da Ría. Estamos a falar dun espazo moi próximo á Rede Natura 2000, e calquera actuación pode incidir negativamente no futuro deste entorno, afirma.
Dende a organización nacionalista queremos chamar a atención do conxunto da cidadanía para deter este tipo de actuacións. Sabemos positivamente que o Partido Popular, promociona calquera iniciativa da que poida sacar rendibilidade electoral. Mais tamén sabemos que a presión social, poderá deter estas actuacións, considera.