Para o BNG, a decisión dos Pantaláns, non pode depender dun compromiso verbal.
Ata que non se nos ensine o escrito no que se rexeitan os Proxectos, imos seguir loitando para que se arquiven, afirma o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González.
A raíz das declaración do alcalde de Redondela, sobre a situación dos Proxectos de Ampliación dos Pantaláns do entorno de Arealonga, dende a organización nacionalista amosan a súa preocupación. As declaracións de Javier Bas non son nada tranquilizadoras, afirma o concelleiro nacionalista. Pretende que nos creamos que un compromiso verbal, de quen xa non detenta responsabilidades no Porto, vaia solucionar este problema.
Consideran dende o BNG, que o Partido Popular pretende cubrir de silencio esta situación, para que non lle afecte politicamente, antes do20D. Esiximos do alcalde que presione ao novo presidente da Autoridade Portuaria, para que por escrito se comprometa a paralizar as Ampliacións.
Os cambios na presidencia da Autoridade Portuaria son seguidos con escepticismo polo BNG. Consideramos que López Veiga, non é a persoa máis fiábel para protexer o entorno da Ría de Vigo, afirma o concelleiro nacionalista.
Dende o BNG, defenden unha solución que permita manter o equilibrio da Praia de Arealonga. Neste enclave conflúen actividades económicas como a hostalaría, a extracción de marisco, o ocio, o lecer. Consideramos que unha nova Ampliación dos Pantaláns por pequena que sexa, vai incidir moi negativamente neste entorno, rematan na súa nota.