O BNG-Asembleas Abertas aproba a Candidatura ás Municipais '15.

O BNG-Asembleas Abertas aproba a Candidatura ás Municipais '15.

A Asemblea Local da organización nacionalista, apoiou por unanimidade unha candidatura profundamente renovada. Unha lista en cremalleira, coa presenza de sete persoas independentes, con tres militantes de Galiza Nova, caracterizan a lista encabezada por Xoán Carlos González.

O xoves 19 de marzo, aprobouse por unanimidade a lista das 21 persoas, máis tres reservas, que conformarán a Candidatura do BNG-Asembleas Abertas ás eleccións de maio. Pendente da súa ratificación polo Consello Nacional, segundo palabras do responsábel local do BNG, Xavier Balsas, “a lista cumpre todos os requisitos que nos marcaramos ao inicio deste proceso”.

Destacan dende a forza nacionalista, en primeiro lugar, que a lista de persoas caracterízase pola presenza de moitas caras novas. “Nove destas persoas, participan por vez primeira nunha candidatura”. Tamén fixo referencia a que no proceso de toma de contacto e elaboración da lista, todas elas aceptaron de bo grado participar na Candidatura.

“Cumprimos igualmente o obxectivo de que sexa unha lista cremalleira, home-muller, co que a presenza destas últimas aumenta a respecto o 2011”, sinala Xavier Balsas, para quen “novamente o BNG-Asembleas Abertas, presenta un cartel onde as mulleres van a asumir un papel moi relevante na tarefa de gobernar”.

Outro dos elementos que destacan entre os e as membros da Candidatura, é a presenza de xente moza, con tres persoas de Galiza Nova. “Van a ser o mellor reflexo do papel que os xóvenes desenvolven no BNG, destacando a dunha muller de 21 anos, no posto número 2, e dun mozo de 19, no posto número 9. Ademais un importante número de integrantes da Candidatura rolda os trinta ou menos anos”, afirma Xavier Balsas.

Para o cabeza de lista, Xoán Carlos González, “este grupo de homes e mulleres do BNG- Asembleas Abertas que nos imos presentar ás eleccións de maio, constitúe un fel reflexo da sociedade redondelá. Xente comprometida co movemento asociativo, veciños e veciñas das parroquias de Redondela, persoas que tamén están a sufrir en primeira persoa a crise, mais que asumen o reto de traballar a prol da democracia e dos intereses colectivos”.

Considera o concelleiro nacionalista, que “se abre un interesante panorama para o BNG-Asembleas Abertas no noso concello. Somos o garante de que se pode desenrolar un Proxecto de Redondela, que dea resposta ás demandas dos nosos veciños e veciñas, en diálogo constante co movemento asociativo, e que free as políticas antisociais do Partido Popular”.

“Marcámonos como reto poder liderar un goberno municipal alternativo a PP e PSOE, que poida desenvolver en Redondela, un novo xeito de facer política. Abálanos a nosa experiencia, o noso traballo e o noso compromiso. Nós como ninguén, coñecemos as dinámicas sociais de Redondela, as súas problemáticas, pero tamén as súa posibilidades. Emprazamos a todos os e as redondeláns a participar neste reto ilusionante e esperanzador”, afirma Xoán Carlos González.

A Asemblea Local do BNG, considera que a Candidatura para as Eleccións do 2015, vai contar cun importante respaldo por parte dos e das Redondeláns. Dáse pois, saída á precampaña electoral das municipais de maio de 2015.

Imaxe dos sete primieros postos da candidatura do BNG en Redondela.

O BNG-Asembleas Abertas aproba a Candidatura ás Municipais '15.